A goleada do Pontevedra ao Talavera no Estadio Municipal de Pasarón, na terceira xornada de liga de Primeira RFEF, estivo sen ningunha dúbida marcada por unha acción, o penalti e expulsión que supuxo o primeiro tanto granate.
Corría o minuto 17 cando Oier Calvillo recibiá un balón en profundidade adiantándose ao seu defensor, cruzábase diante del e era derrubado claramente caendo dentro da área. O colexiado, o asturiano Francisco García Risco, sinalaba o punto de penalti e mostraba a tarxeta vermella ao visitante Ander Gayoso.
Ademais de por o feito de que o primeiro contacto semella producirse con claridade fóra da área, o castigo colleu a moitos afeccionados por sorpresa pensanso no cambio de normativa que leva nos últimos anos, ao sinalar penalti, a mostrar unha simple amarela para evitar un castigo excesivo sempre que a infracción se produza co balón dividido. A área de feito marca a cor da amoestación. Así, se a mesma xogada fose decretada fóra da zona de meta si sería procedente mostrar unha vermella sempre que se trate dunha ocasión manifesta de gol.
En todo caso, o árbitro xustificou na acta posterior que o motivo da expulsión foi "empuxar a un adversario co brazo por detrás, evitando con iso unha ocasión manifesta de gol, sen opción de disputar o balón". Esta última apostila, "sen opción a disputar o balón", é a que resulta decisiva á hora de entender o castigo final.
Polémica das boas, que daría para encher minutos e minutos de televisión de tratarse da Primeira División, e que a conta especializada en arbitraxes Mr. Asubío explicou da seguinte maneira.