O partido entre Pontevedra Club de Fútbol e Real Balompédica Linense quedará gravado na memoria dun canteirán granate, Valentín Jaichenco.
Aínda que non era a súa primeira aparición en encontro oficial co primeiro equipo (participou brevemente en catro xornadas en Segunda RFEF o pasado curso), si supoñía a súa estrea na Primeira RFEF, terceira categoría do balompé nacional, ademais con minutos de calidade nun choque que estaba por decidir. Jaichenco sumou 29 minutos no terreo de xogo, ao que entrou en substitución do lesionado Samu Araújo, superando en 12 minutos todo o xogado a liga pasada.
"Cando me manda o míster a quecer, lesiónase Samu e xa ao instante sinálame para entrar díxenme, por fin, porque tiña moitas ganas. Nestas xornadas que non puiden participar estiven a morder as uñas", lembra Valen.
O único punto negativo foi non conseguir os tres puntos en xogo, pero a nivel individual "tentei dar o mellor e espero que agora que rompeu o xeo seguir tendo máis oportunidades", sinala con ambición. Tanta que mantén que "me vexo capacitado e creo que podo dar moito a este equipo", aínda sabedor que por moitas oportunidades que lle ofreza Antonio "non en todos os partidos vas poder participar", e é que os minutos sobre o verde cotízanse caro.
Con todo para seguir gañando opcións ten claro cal é o único camiño, o traballo duro. "Nos adestramentos tes que esforzarte, competir cos teus compañeiros para facer un oco, á parte de traballos extra que poidas facer, quedar no ximnasio, comer ben... Todo o que poida sumar hai que facelo se queres ser futbolista".
Para Valen xogar ademais en Pasarón é algo especial, como o que soñaba desde que aterrou no club en idade infantil. "Tiña moitos amigos na bancada, familiares, e noto que a afección cando hai algún rapaz que pode entrar sempre lle dan todas as facilidades e apoio", agradece sinalando ademais un obxectivo: "Quero ter un nome aquí en Pasarón".
Para iso, iso si, non hai atallos. "Para chegar tes que esforzarte, que che dean a confianza, gañala tamén", sinala, aínda que neste aspecto "o plantel, o corpo técnico e a directiva dáme moito apoio e estou super contento".