Viaxe a León "sen medo" para un Pontevedra que quere dar un golpe de efecto na casa do líder

Pontevedra
12 de novembro 2016

Os granates buscan sumar no Reino de León (domingo, 17:00 horas) a súa cuarta vitoria consecutiva ante "o mellor equipo d categoría". Luisito introducirá cambios no once titular, un deles ante a baixa por sanción de Bonilla, pero recoñece que "teño clarísimo o once e o sistema que vou sacar". O equipo viaxa a León "con moita confianza"

Luisito durante un adestramento do Pontevedra en Príncipe Felipe Mónica Patxot

O Pontevedra viaxa "con moita confianza" e "sen medo" ao campo do ata agora "mellor equipo da categoría", a Cultural Leonesa.

Os granates queren asaltar o Reino de León (domingo, 17:00 horas) e dar un auténtico golpe de efecto na liga coa que sería a súa cuarta vitoria consecutiva.

Para iso Luisito asegura ter "clarísimo o once e o sistema que vou sacar", aínda que "non o saben aínda nin os xogadores", e é que o técnico introducirá seguro cambios na aliñación, un obrigado ao estar sancionado Bonilla.

Deulle moitas voltas pola semana o preparador de Teo para tentar contrarrestar a un equipo leonés que "ten sempre a posesión pero onde fai dano e na contra, con xente moi rápida".

Aínda que importante, a baixa de Gallar na Leonesa non será clave, segundo Luisito, xa que o seu substituto será "un xogador que hai pouco estaba en Primeira ou Segunda A", sinalou en relación á calidade do equipo adestrado polo galego Rubén de la Barrera.

O técnico da Cultural tamén dedicou encomios ao que será o seu rival e augura "un choque duro, disputado y ajustado" no que será "uno de los partidos más complicado hasta la fecha para nosotros".

Ademais do sancionado Gallar, De la Barrera conta coa dúbida do centrocampista Antonio, mentres o Pontevedra só terá para a cita a baixa do sancionado Bonilla e do lesionado de longa duración Iker Alegre.

Luisito convocou para este encontro a Edu, Santi Canedo, Miguel, Bruno, Capi, Portela, Adrián, Kevin, David Añón, Álex Fernández, Mario Barco, Mouriño, Álex González, Gonzalo, Mateo, Jacobo Trigo, Jacobo Millán e Abel.

O choque será arbitrado polo colexiado madrileño Miguel Ángel Ortiz Arias.