Sorprendente decisión, polo menos desde a distancia, a que tomou un dos rivais do Pontevedra Club de Fútbol en liga, e que visitará o Estadio Municipal de Pasarón na última xornada do campionato.
O Real Ávila, equipo recentemente ascendido a Segunda RFEF e que ocupa praza de play-off de ascenso a falta de dúas xornadas, destituíu o seu adestrador Miguel de la Fuente, o técnico que lles fixo regresar á categoría tras case dúas décadas deambulando por Terceira.
Un único triunfo nas sete últimas xornadas, cando parecían que podían mesmo pelexar pola segunda praza, foi o detonante desta decisión na busca dunha reacción que permita aos abulenses pelexar por un posto en Primeira RFEF.
Pouco despois de anunciar a saída, o Ávila confirmou o seu novo adestrador, co que chegará a Pontevedra o vindeiro domingo 4 de maio (12.00 horas, Pasarón), e é todo un nome ilustre do fútbol español.
Trátase de Víctor Valdés, ex gardameta do Fútbol Club Barcelona e a Selección Española, cos que gañou entre outros títulos tres Champions ou o Mundial e a Eurocopa.
📢 𝗖𝗼𝗺𝘂𝗻𝗶𝗰𝗮𝗱𝗼 𝗢𝗳𝗶𝗰𝗶𝗮𝗹 | Víctor Valdés nuevo entrenador.
— Real Ávila CF (@RealAvilaCF) April 24, 2025
👉 El Real Ávila C.F. anuncia que Víctor Valdés será el nuevo entrenador del primer equipo hasta el final de la presente temporada y la siguiente campaña. Valdés, tras retirarse del mundo del fútbol,… pic.twitter.com/q19HhV8Y3R
Como adestrador, ademais das categorías inferiores do Barcelona, dirixiu previamente á Escuela de Fútbol Moratalaz e á UE Horta.
Valdés asinou co Real Ávila por estes dous partidos e toda a próxima tempada.
Unha visita ilustre como o foron antes outros ex-futbolistas reconvertidos a técnicos. Sen ir máis lonxe Raúl González foi foco de atención en Pasarón nas últimas visitas do Real Madrid Castilla, en Segunda B e Primeira RFEF.