VIDEO.- Albariño, marisco e deporte únense na promoción do medio maratón entre O Grove e Cambados

O Salnés
13 de setembro 2014

Pablo Cacheda realizou o video promocional da proba, protagonizado polo cociñeiro Yayo Daporta e o hostaleiro meco Miguel Araúxo. A primeira edición do medio maratón celebrarase o domingo 28 de setembro

Vídeo promocional do Maralba Running Fest
Vídeo promocional do Maralba Running Fest / Maralba Running Fest

A 15 días de que chegue a súa primeira edición o primeiro Medio Maratón Maralba Running Fest entre O Grove e Cambados continúa coa súa presentación en sociedade.

Dentro da campaña de promoción a organización do evento presentou un vídeo de anuncio protagonizado polo cociñeiro cambadés Yayo Daporta e o hostaleiro meco Miguel Araúxo.

O traballo, obra do realizador pontevedrés Pablo Cacheda, intenta combinar o deporte e a gastronomía de ambas as dúas localidades, co marisco e o viño albariño como produtos estrela.

O medio maratón Maralba celebrarase o 28 de setembro, domingo, con saída no peirao do Grove ás 10:00 horas e chegada na praza de Fefiñáns de Cambados.

As inscricións pódense formalizar ata o día 24 na páxina www.championchipnorte.com.