Dúas semanas despois de que a empresa concesionaria Supera anunciase o peche da piscina olímpica de Rías do Sur, e sen aínda solución no horizonte, un bo número de persoas concentrouse este venres en sinal de protesta nas instalacións deportivas de Ponte Muíños.
A concentración estaba comandada polas entidades deportivas que teñen a súa base habitual de adestramento nesta piscina, como son o Club Natación Galaico, o Galaico Sincro e o Club Waterpolo Pontevedra, que suman entre todos eles ao redor de medio milleiro de deportistas federados.
A eles uníronselle usuarios, amigos e familiares cun berro unánime, #LaOlímpicaNoSeCierra.
Tal e como recoñecía un dos clubs á hora de convocar a concentración, o Galaico Sincro, "todos nos atopamos cun peche da lámina de auga inesperadamente e sen aviso previo/previo aviso, todo debido a un interese meramente económico que achacan ao prezo da enerxía", un argumento, o enerxético, que non se cren tendo en conta que Supera non asume o custo de quentar a auga da piscina.