O Tenis de Mesa Monte Porreiro cumpre 27 anos de vida este 2025, e faino cunha saúde envexable froito de tantas e tantas horas de esforzo por parte dos seus responsables.
Máis aló dos éxitos do seu equipo sénior masculino, que chegou a competir en Europa, a fortaleza do club radica na súa base, e é que pasa por ser con 19 o club de España con máis equipos en competición.
Son preto de 160 os deportistas federados esta campaña, pero é que "non podemos absorver máis nenos porque non temos espazo", afirma o director deportivo do TM Monte Porreiro, Nando Álvarez.
Un reflexo do que custa manter unha actividade tan grande se reflicte cada un dos días que queren adestrar.
Fano dous días á semana no pavillón da Cidade Infantil de Príncipe Felipe, ocupando a metade da pista xa que deben compartir horas cun club de ximnasia.
Alí instalan até 23 mesas estratexicamente colocadas, nun proceso medido ao milímetro e que o propio Monte Porreiro reflicte nalgúns vídeos gravados durante as súas sesións.
"Normalmente estamos tres persoas e é unha hora de montaxe", explica Nando Álvarez, un tempo que con axuda se pode chegar a reducir ás veces a "máis ou menos 40 minutos".
Todo coa mesma ilusión do primeiro día, e mirando ao futuro con optimismo confiando en que o comprometido novo pavillón de tenis de mesa en Monte Porreiro se converta máis cedo que tarde en realidade para permitirlles seguir crecendo e consilidarse como un dos cubes deportivos de referencia na Boa Vila.