VÍDEO.- Melania Rodríguez bate o récord mundial de dobre minitramp cun espectacular salto na Copa do Mundo de Rimini

Pontevedra
27 de maio 2022

A ximnasta pontevedresa, bronce mundial nesta especialidade da ximnasia o pasado ano e prata en 2018, bateu a plusmarca mundial cun espectacular salto na fase de clasificación da Copa do Mundo que comezou este venres en Italia, na que realizou unha pirueta barani agrupada tripla carpa de 8,5 puntos de dificultade

Melania Rodríguez no Mundial de Trampolín en Xapón
Melania Rodríguez no Mundial de Trampolín en Xapón

Espectacular! Non hai outro cualificativo para o que conseguiu a pontevedresa Melania Rodríguez este venres na primeira xornada da Copa do Mundo de Ximnasia Trampolín que se celebra na localidade italiana de  Rimini.

A deportista do Ximnasia Pontevedra-Burgas Ourense bateu o récord do mundo de dobre minitramp ( DMT), especialidade na que é o vixente bronce mundial e na que suma tamén unha prata conseguida en 2018.

Melania, acompañada do seu adestrador Pablo Hinojar, conseguiu unha puntuación nunca antes vista grazas a unha pirueta barani agrupada tripla carpa de 8,5 puntos de dificultade, cunha execución que convenceu aos xuíces e que lle valeu o pase á final.

Nada máis aterrar a celebración do seu preparador e seleccionador nacional de DMT evidenciaba o importante do salto, tal e como se pode ver no vídeo compartido pola Real Federación Española de Gimnasia.

A Copa do Mundo de Rimini é a primeira gran competición da tempada da ximnasia trampolín, e que serve de aperitivo ao Campionato de Europa que dará comezo tamén en Rimini o próximo día 1 de xuño, unha cita na que a pontevedresa tamén competirá na modalidade olímpica de trampolín na que aspira á clasificación para os Xogos de París 2024.

Ademais, Melania ten previsto participar este ano, na proba de DMT, nos prestixiosos World Games que terán lugar en Estados Unidos.