VÍDEO.- O Bádminton Ravachol Pontevedra apúntase aos retos virais e lanza o seu propio desafío

Pontevedra
21 de marzo 2020

Os deportistas do equipo pontevedrés propuxéronse un reto para tentar facelo viral cun exercicio de puntería que consiste en introducir un volante nun vaso, desafío que queren facer extensible a todos os practicantes de bádminton e á poboación en xeral

Desafío do Club Bádminton Ravachol Pontevedra / PontevedraViva

O Club Bádminton Ravachol Pontevedra quixo poñer da súa parte para concienciar á sociedade da responsabilidade de loitar entre todos contra o coronavirus Covid-19, e para iso apuntouse á moda dos retos co obxectivo de tentar facer máis levadíos os días na casa.

Do mesmo xeito que os desafíos popularizados nas últimas xornadas nas redes sociais, especialmente co papel hixiénico como protagonista, neste proponse demostrar a habilidade usando un volante de bádminton.

En concreto a idea é un exercicio de puntería consistente en introducir o volante nun vaso.

Os deportistas do primeiro equipo do club, que vén de certificar (a falta de confirmación oficial) o seu ascenso á máxima categoría nacional, son os primeiros que deron exemplo cunha serie de vídeos, nos que se pode ver a Manuel Brea, Ana Carbón, Amaia Torralba, Pablo Sanmartín e Gabriel Fernández.

Coa intención de converter o reto en viral, o Ravachol Pontevedra trasladou o desafío a todos os practicantes do seu deporte, a escolas deportivas, a pais de xogadores e a toda a sociedade en xeral. Cantos o conseguirán?