VÍDEO.- Tere Abelleira, golazo ante Zambia e clasificación con España para oitavos de final do Mundial

Pontevedra
26 de xullo 2023

A futbolista pontevedresa foi de novo titular este mércores no segundo partido do Mundial, marcou un dos mellores goles do torneo e completou os 90 minutos confirmándose como faro e compás do equipo nacional

Tere Abelleira celebra o seu gol ante Zambia no segundo partido do Mundial
Tere Abelleira celebra o seu gol ante Zambia no segundo partido do Mundial / RFEF

Segundo partido da Selección Española Absoluta no Campionato do Mundo que se está celebrando en Nova Zelandia e Australia e segunda titularidade dunha Teresa Abelleira cada vez máis protagonista no equipo nacional.

España, tras golear a Costa Rica no seu debut, medíase este mércores a Zambia, conseguindo un cómodo triunfo (5-0) que lle clasifica matematicamente para os oitavos de final do torneo a falta da última xornada de grupos.

Como na estrea, no once titular posto en liza polo seleccionador Jorge Vilda aparecía a pontevedresa Tere Abelleira, cada vez máis consolidada como faro e compás do equipo desde o posto de pivote.

A centrocampista do Real Madrid brillou sobre o céspede, e de feito foi a encargada de abrir a lata no minuto 8 de xogo cun auténtico golazo, grazas a un potente disparo desde fóra da área que se coou pola escuadra do conxunto africano. Un gol candidato xa a estar entre os mellores do Mundial e que supoñía a súa segunda diana vestindo a 'vermella'.

Catro minutos despois Jenni Hermoso aproveitaba un envío medido de Alexia para facer a pracer de cabeza o segundo gol español, un tanto que deixaba encarrilado o choque e que fixo baixar a intensidade do combinado nacional.

Co 2-0 foron pasando os minutos, e aínda que ocasións houbo de ampliar a renda, a Selección Española non apertou o acelerador e conformouse co resutado ao descanso.

O marcador si se ampliaría na segunda metade, cun gol de Alba Redondo no minuto 68, un de Jenni Hermoso no 70 e outro máis de Redondo no 84. Un 5-0 que vale o pase a róldalas eliminatorias. Só falta saber en que posición, xa que o liderado de grupo estará en xogo no encontro do próximo luns 31 (9.00 horas) fronte a Xapón, que tamén conta os seus partidos por vitoria.

Tere por certo completou os 90 minutos sobre o terreo de xogo, outra mostra máis da súa importancia na Selección, rematando o encontro con molestias musculares por mor do esforzo realizado.