VÍDEO.- Unha campaña de socios para reivindicar que "Poio é fútbol sala!"

Poio
16 de agosto 2025

O Poio Pescamar presentou a súa nova campaña de abonados, na que redobra a súa ambiciosa meta: "Nin máis nin menos que conseguir títulos a nivel nacional"

Partido entre o Poio Pescamar e Marín Futsal na Seca
Partido entre o Poio Pescamar e Marín Futsal na Seca / Cristina Saiz

Son xa 28 anos de historia os que leva ás súas costas o Poio Pescamar, un período no que traballou intensamente para levar o seu deporte a todos os recunchos do municipio.

Todo porque "Poio é fútbol sala!", afirma a entidade conserveira na nova campaña de abonados que acaba de ser presentada.

"Temos que lograr que os nosos veciños e as nosas veciñas sentan identificados co club, nos arroupen aínda máis para poder alcanzar esas metas tan ambiciosas que queremos. Nin máis nin menos que conseguir títulos a nivel nacional", afirman desde a entidade deportiva.

Por iso queren que cada un dos recunchos de Poio se asocie co fútbol sala, e por iso na campaña aparecen as cinco parroquias do municipio.

No que respecta aos carnés de abonado, terán esta tempada un custo de 30 euros na categoría estándar, 10 euros a infantil (menores de 12 anos) e 60 euros na modalidade familiar (até tres abonos).

Poderán solicitarse por correo electrónico a [email protected] ou por Whatsapp ao teléfono 698 14 77 05.

Esta campaña ve a luz coa pretempada do primeiro equipo feminino xa en marcha, e cunha presentación prevista para o próximo 30 de agosto na Seca cun partido amistoso fronte ao Ourense CF.

A estrea ligueira pola súa banda producirase o 6 de setembro na casa cun duelo contra o recentemente ascendido Penya Esplugues.