A Real Federación Española de Fútbol anunciou que o Soporte de Vídeo, sistema de videoarbitraxe, chega ás máximas categorías de fútbol sala nacional.
Isto afectaría directamente o Poio Pescamar, un dos clubs destacados da Primeira División, con todo polo momento este sistema non se porá en funcionamento no pavillón da Seca.
A pesar do anuncio, a implementación da videoarbitraxe só será completa na categoría masculina.
Na feminina limitarase ás competicións en sede (fase final de Copa e Supercopa) e ao play-off polo título.
Este sistema xa se usou na Copa da Raíña ou a Supercopa de España, e agora amplíase a unha pelexa polo título na que aspira a estar o conxunto conserveiro.
Só de plantarse na semifinal de liga, o Soporte de Vídeo instalaríase na Seca.
Trátase dun sistema que permite aos equipos solicitar a revisión dunha xogada polémica en casos de gol/non gol, posibles penaltis, cartóns vermellos ou erros de identidade.
Cada equipo, explica a RFEF, contará cunha solicitude por período, non acumulable, e no caso de prórroga contará con outra solicitude a maiores.