Vilagarcía dá o pistoletazo de saída ao circuíto 3x3 Urban

O Salnés
04 de xullo 2026

A competición celebrarase en Vilagarcía (11 e 12 de xullo), Vigo e na Estrada. O torneo é gratuíto e está aberto a xogadoras e xogadores federados e non federados

Presentación do circuito 3x3 Urban
Presentación do circuito 3x3 Urban / Deputación de Pontevedra

Vilagarcía será o punto de partida do circuíto 3x3 Urban, unha iniciativa impulsada pola Deputación de Pontevedra e a Federación Galega de Baloncesto que percorrerá tres localidades da provincia ao longo do mes de xullo.

En Vilagarcía terá lugar os días 11 e 12 de xullo e dará inicio a un percorrido que continuará en Vigo (18 e 19 de xullo) e finalizará na Estrada (25 e 26 de xullo).

O torneo é gratuíto e está aberto tanto a xogadoras e xogadores federados como non federados. O obxectivo é achegar o baloncesto á rúa e fomentar a participación en todas as idades.

O circuíto foi presentado no porto de Vigo coa presenza, entre outros, da vicepresidenta da Deputación de Pontevedra e deputada de Deportes, Luisa Sánchez; a directora de Deportes, Xisela Aranda; ou o presidente da Federación Galega de Baloncesto, Julio Bernárdez.

Durante o acto, Luisa Sánchez subliñou que o 3x3 Urban ofrece un formato "rápido, divertido, dinámico e, sobre todo, moi participativo", capaz de atraer tanto a quen compite como ao público que se achega a gozar do espectáculo.

"Desde a Deputación de Pontevedra gústanos apoiar eventos como este porque levan o deporte á rúa e enchen de vida os espazos públicos", afirmou, destacando ademais que o torneo está deseñado para abarcar distintas idades, desde Minibasket até Júnior.

Pola súa banda, Julio Bernárdez puxo en valor o crecemento desta modalidade deportiva e que "chegou para quedar. Estamos moi orgullosos dos últimos resultados de Galicia, que conseguiu subir todo o máis alto do podio nacional", sinalou.

En cada sede, a competición desenvolverase durante dúas xornadas.

O primeiro día será para as categorías minibasket e infantil, ambas as mixtas, mentres que a segunda quenda será para cadete e júnior. Neste caso a competición será feminina, masculina ou mixta en función do número de equipos inscritos.

Os equipos estarán formados por un mínimo de tres e un máximo de catro integrantes e deberán contar cunha persoa responsable maior de idade que actúe como interlocutora coa organización.

As inscricións xa están abertas e as prazas son limitadas. Asignaranse por orde de inscrición a través da páxina web da Federación Galega de Baloncesto.