Tarde de festa para o Club Cisne Balonmán no Memorial Manuel Luaces, que nesta ocasión servía de peche final dos actos do seu 50 aniversario.
O club pontevedrés impúxose no Centro Galego de Tecnificación Deportiva ao Academia Octavio, equipo da División de Honra Prata, por 40-32 tras protagonizar un bo encontro ante unha bancada que presentaba un grande aspecto.
Os de Edín Covelo foron superiores aos vigueses, que se presentaron con varias baixas, mandando xa dende a primeira metade nun choque típico de época de preparación, con pouca intensidade defensiva e efectividade dos ataques.
Antes do Memorial os equipos prebenxamín, benxamín e alevín enfrontáronse ao Balonmán Cangas completando unha xornada redonda de balonmán.
O Cisne, actual líder do seu grupo na Primeira Nacional, retomará a competición a próxima fin de semana visitando ao Luceros.