Vitoria do Poio ante o UCAM Murcia con dous goles de Dani Sousa (2-1)

Poio
19 de xaneiro 2019

Así, con tres puntos máis no seu casilleiro, as de Dani Díaz continúan, aos poucos, pelexando por regresar aos postos máis altos de Primeira División Feminina

Partido entre o Poio Pescamar e o UCAM Murcia na Seca
Partido entre o Poio Pescamar e o UCAM Murcia na Seca / Diego Torrado

O Poio Pescamar enfrontouse esta fin de semana ao último partido da primeira volta de liga ante o UCAM Murcia. Un choque máis que directo, ao que ambos os equipos chegaron exactamente na mesma situación (8 vitorias, un empate e 5 derrotas). Co positivo resultado deste encontro (2-1), as de Dani Díaz continúan, aos poucos, pelexando por regresar aos postos altos da táboa con 3 merecidos puntos máis, moi importantes para a segunda parte da competición.

Comezou moi igualado o encontro na Seca. Aínda que foi o cadro visitante o que estreou o marcador cun gol de Lola aos dous minutos do asubío inicial, as locais repuxéronse rapidamente e, pouco despois (7'), Dani Sousa empatou o choque tras un saque de banda realizado por Ale de Paz. O tanto da rojilla daría ás de Dani Díaz a confianza necesaria como para pasar a dominar o xogo. A pesar diso, os dous equipos marcharían ao descanso en táboas.

A segunda parte foi algo distinta. Aínda que as anfitrioas mantiveron, inicialmente, a súa superioridade, a falta de acerto en varias ocasións de gol fixo que as murcianas gañasen forza, conseguindo que a balanza non se decantase cara a ningún dos dous bandos. Non sería ata o 11' deste período que, de novo, Dani Sousa, dese un xiro e volvese poñer ás súas por diante no electrónico, culminando unha xogada colectiva das galegas (2-1). Así, aínda tendo oportunidades, durante o tempo restante, as do Murcia de repartir puntos, foron as de casa as que se sobrepuxeron e mantiveron a vantaxe no marcador.

Nos minutos previos ao envite, Silvia Aguete tivo o seu momento de gloria ao recoller un obsequio, por parte do club, por ser recoñecida como a mellor porteira de España e a segunda do mundo. A afección do cadro poiense quixo estar presente para felicitar á gardameta pontevedresa.

POIO PESCAMAR (2): Irene; Ceci, Jessi, Dani Sousa, Jenny Lores (quinteto inicial), Ale de Paz, Iria, Cárol e Irene García.

MURCIA(1): Cristina; Lola, Patri, Noelia, Toñi (quinteto inicial), Rocío, Carmen, Susana e Mari

Goles: 0-1 Lola (2'), 1-1 Dani Sousa (7') e 2-1 Dani Sousa (31').

Árbitros: Roldán Pérez e Dacal Deza, do colexio galego, que mostraron cartulina amarela a Jenny, Iria e Irene, do Poio Pescamar, e a María, do UCAM Murcia.

Incidencias: Pavillón Municipal de Poio, ante preto de 400 espectadores.