Volta á actividade para o Pontevedra Rugby Club tras dúas semanas de confinamento

Pontevedra
04 de febreiro 2021

O conxunto pontevedrés, que tivo que illarse por un positivo dunha xogadora do seu rival no seu último partido de liga, retoma a competición na División de Honra B Feminina cun partido en Ourense, ao seguir sen homologar o campo de Monte Porreiro

Debut do Pontevedra Rugby Club na D.Honra B fronte ao BUC Barcelona Pontevedra Rugby Club

A División de Honra B Feminina retómase para o Pontevedra Rugby Club (PRC) superado o episodio de covid que obrigou a confinar case dúas semanas o plantel.

O conxunto pontevedrés tivo que illarse tras ter coñecemento dun positivo un día nun dos seus rivais, o G.E. i E.G. de Xirona, o día despois de enfrontarse, o que ocasionou á súa vez o aprazamento da súa seguinte xornada de liga contra o San Cugat.

Os test realizados a xogadoras e corpo técnico descartaron contaxios, e aínda que se detectou posteriormente un positivo dunha xogadora, ao non ter contacto coas súas compañeiras o equipo pode volver esta semana á normalidade da competición.

Faino en todo caso no exilio, e é que o campo de Monte Porreiro segue sen ser homologado, polo que o PRC volverá á acción este domingo 7 de febreiro (12.30 horas) no campo das Lagoas, en Ourense, recibindo o XV Hortaleza RC. 

"Cada día estamos mellor", recoñecen desde a entidade pontevedresa, que tentará conseguir os seus primeiros puntos da tempada.

En canto ao choque aprazado no campo do San Cugat catalán, fixouse finalmente para o domingo 14 de febreiro.