'Volvemos para quedar', campaña de socios do Cisne no seu retorno á Liga Asobal

Pontevedra
02 de agosto 2022

O club pontevedrés pide o apoio da cidade para "apontoar o proxecto no económico" e non pasar apuros no seu regreso á máxima categoría

Presentación da campaña de socios do Cisne 2022-2023 Cristina Saiz

O Club Cisne Balonmán presentou este martes a súa campaña de socios para a tempada 2022/2023, na que competirá por segunda vez na súa historia na liga Asobal, a máxima categoría nacional.

En toda unha declaración de intencións, o lema elixido é 'Volvemos para quedar', aínda que para iso piden a implicación da cidade.

"Vai ser fundamental para apontoar o proxecto na parte económica. Pedimos o apoio da xente para poder pasar pola categoría sen abafos", explicou ante os medios de comunicación o presidente cisneísta, Santi Picallo.

Para iso o Cisne quere "esquecerse de rivalidades" para demostrar que "somos unha cidade de balonmán", gozando do paso polo Municipal dos mellores equipos do Estado.

En canto aos prezos fixados, son os seguintes:

  • ADULTO: 115 euros
  • FAMILIAR (dous adultos + 1 menor): 230 euros
  • FAMILIAR BASE: 210 euros
  • XUBILADOS: 60 euros
  • UNIVERSITARIO: 60 euros
  • XUVENIL (menores de 18 años): 40 euros
  • SIMPATIZANTE (catro partidos de liga excepto Cangas e Barcelona): 30 euros
  • SOCIO PROTECTOR: 300 euros

 

Os abonos poden formalizarse a través da páxina web www.clubcisne.es.

PRESENTACIÓN DE KILIAN RAMÍREZ

A rolda de prensa do Cisne serviu ademais de presentación oficial do porteiro canario Kilian Ramírez, un das fichaxes desta tempada procedente do outro equipo da cidade, un Teucro ao que "gardo un gran respecto", recoñeceu.

O gardameta revelou que "tiña algo pechado con outro equipo pero cando vin que había posibilidade de xogar en Asobal e volver a Pontevedra non mo pensei", ao ser a Asobal a categoría na que "quero estar".