O Waterpolo Pontevedra asina unha cuarta posición no Campionato de España Xuvenil de 2ª División

Pontevedra
16 de xuño 2026

O equipo pontevedrés desprazouse até a localidade andaluza de Alxeciras para participar na competición nacional

Equipo xuvenil do Waterpolo Pontevedra no Campionato de España
Equipo xuvenil do Waterpolo Pontevedra no Campionato de España / CW Pontevedra

Con bo sabor de boca regresou o Club Waterpolo Pontevedra do Campionato de España Xuvenil de 2ª División.

O equipo pontevedrés desprazouse até a localidade andaluza de Alxeciras para participar na competición nacional.

Asinaron un notable cuarto posto a pesar de que a súa preparación se viu condicionada pola recente selectividade afrontada polos seus xogadores e tamén a calebración da Copa do Mundo de Natación Artística en Rías do Sur tendo que cancelar adestramentos.

O Waterpolo Pontevedra iniciou a fase de grupos enfrontándose aos dous equipos que posteriormente disputarían a final do torneo: a DN Portugalete e o CW Elx.

A pesar das derrotas neses dous encontros, repuxéronse despois gañando o EW Zaragoza para acceder aos cuartos de final.

Fronte á CE Illes Balears mostraron o seu mellor cara para vencer por 10-6 e avanzar á penúltima rolda do campionato.

Alí esperaba de novo o DN Portugalete, ante o que acusaron o cansazo acumulado caendo por un claro 18-7.

No encontro polo bronce cruzouse outro conxunto vasco, o Urbat IKE, nun partido moi igualado que se terminou escapando por 7-10 finalizando na cuarta posición.

Unha actuación destacada cun persoal que competiu na cita cun banco composto por xogadores cadetes e infantís.

Disputaron o campionato: Raúl Valencia, Rodrigo Méndez, Martín Pulido, Adrián Peaguda, Hugo González, Mateo Pereira, Daniel Martínez, Mauro Varela, David Fernández, Airas Caamaño, Miguel Fernández, Roque Durán e Antonio Fernández.