O Club Waterpolo Pontevedra non puido irse ao partido de volta cunha vitoria tras perder co CN Barcelona a ida das semifinais polo ascenso (9-10).
As de Arthur Neves recibiron ao decano no Rías do Sur nun encontro marcado polo mal arranque das locais. A reacción non foi suficiente para gañar o encontro, pero si para ter opcións de remontar no partido de volta que se disputará en Barcelona.
Non puido empezar peor o partido para o conxunto lerezano, que se puxo 0-4 abaixo nos primeiros minutos cos goles de Laura Roca, Mireia por partida dobre e Clara Rodríguez.
Este foi un punto crítico xa que a eliminatoria puido quedar sentenciada, pero Alba Rodríguez devolveu a esperanza ás súas cun tanto ao bordo do final do tétrico primeiro cuarto (1-4).
Isto motivou ao Waterpolo Pontevedra, que tivo os seus mellores minutos do encontro no segundo tempo e logrou igualar a contenda cun gol de Anna Beatriz desde o penalti e dous de Carmen Díaz de forma case consecutiva (4-4).
Por desgraza, Uma do Sol devolveu a vantaxe ao conxunto catalán a menos de dous minutos do ecuador. A pesar diso, a diferenza dun gol no marcador permitía ao cadro pontevedrés afrontar o tramo final con optimismo (4-5).
O terceiro cuarto mostrou unha gran igualdade entre ambos os equipos, que se bateron nun intercambio de golpes que culminou con vantaxe de dous goles para o CN Barcelona (6-8).
A sabendas de que a eliminatoria tería un partido de volta, as de Arthur Neves persistiron no último cuarto para tratar de, polo menos, reducir a diferenza de goles todo o posible. E iso fixeron.
E é que a pesar do dubitativo arranque do último tempo, momento no que as visitantes lograron unha vantaxe de tres tantos (7-10), o Waterpolo Pontevedra tirou de orgullo para recortar distancias cun gol de Dandara e outro de Alba Rodríguez a un minuto do final (9-10).
Deste xeito, a pesar de non lograr a vitoria, o conxunto pontevedrés afronta o partido de volta con opcións reais de remontar o resultado obtido neste encontro de ida. Será o vindeiro sábado 23 de maio ás 16:30 en Barcelona.
Consulta o acta neste enlace.