O Waterpolo Pontevedra completa unha exitosa participación na XII Copa Fanáticos

Pontevedra
20 de xuño 2026
Actualizado: 18:05

O club lerezano logrou a súa mellor clasificación histórica no torneo celebrado en Zaragoza cun terceiro posto na categoría alevin mixta

Equipos alevíns do CW Pontevedra en Zaragoza CW Pontevedra

Os equipos alevíns do Club Waterpolo Pontevedra desprazáronse até Zaragoza a pasada fin de semana para disputar a XII Copa Fanáticos, un dos torneos referencia a nivel nacional no waterpolo base.

O seu paso por terras mañas non pasou desapercibida, pois o equipo alevín mixto logrou a mellor clasificación na historia do club lerezano ao terminar o torneo en terceira posición.

Facelo non foi para nada sinxelo, pois o conxunto pontevedrés mediuse a varios equipos do máis alto nivel até vencer o CW Carthago no terceiro e cuarto posto.

O campión desta edición foi a Escola Waterpolo Zaragoza, que se impuxo na final ao CD Unión Waterpolo Jerez.

Tamén participou no campionato o equipo alevín masculino, que estivo preto de igualar a xesta dos seus compañeiros de club ao finalizar a súa participación en cuarta posición.

Neste caso, o torneo desenvolveuse nun formato de liga e coroou como vencedor ao CN Tres Cantos.

Ambos os equipos mostraron un gran nivel ao longo da competición con partidos moi igualados que serviron como aprendizaxe. Máis aló dos resultados, este eventó brindou aos deportistas lerezanos vivir un evento destas características lonxe de casa por primeira vez.

Desta maneira, a Copa Fanáticos completou a súa duodécima edición en Zaragoza ao grande cunhas xornadas que transformaron as instalacións do Club Deportivo Stadium Casabranca nunha festa do mellor waterpolo base.