O Waterpolo Pontevedra conquista a primeira vitoria da tempada nos penaltis

Pontevedra
11 de outubro 2025
Actualizado: 20:05

O conxunto pontevedrés dominou practicamente todo o encontro, pero tivo que superar a reacción local no último cuarto para sumar os primeiros puntos da campaña

Equipo feminino do Waterpolo Pontevedra
Equipo feminino do Waterpolo Pontevedra

Bo arranque ligueiro para o Club Waterpolo Pontevedra, que logrou unha axustada vitoria ante o madrileño CN Cuatro Caminos tras imporse na quenda de penaltis.

Desde os primeiros compases o equipo pontevedrés mostrouse disposto a ir a polo triunfo, mostrándose forte en defensa e moi acertado de cara a portaría, desbordando ao seu rival cun ritmo elevado e chegando a dominar por 2-7, resultado que se achegou a un 3-7 ao descanso tras un gol de Carlota Hagen.

No terceiro cuarto, o dominio visitante continuou e a diferenza chegou a ampliarse até os seis goles (5-11), dando a impresión dun triunfo cómodo para pechar o seu primeiro partido da tempada con confianza.

Con todo, o último cuarto deu un xiro inesperado. O equipo pontevedrés perdeu por completo o control do partido e a reacción das xogadoras locais non se fixo esperar.

Endosaron un parcial de 6-0 co que lograron empatar (11-11), obrigando entón ao seu rival a empregarse a fondo si quería salvar o bo partido feito até o momento.

Alba Rodríguez fixo o 11-12; Ana García volveu igualar; Carmen Rodríguez, a falta de 35 segundos, devolveu a vantaxe ás de Pontevedra e Elia Montoya, tras tempo morto do seu adestrador, anotou o 13-13 que levou o partido aos penaltis.

Na quenda decisiva, o CW Pontevedra mostrou maior acerto, só errando un lanzamento fronte aos dous do seu rival, conseguindo finalmente a vitoria por 16-17.

Consulta as estatísticas neste enlace