Xa á venda as entradas para o II Torneo Interpontes de balonmán

Pontevedra
16 de xullo 2026

Os prezos mantéñense respecto ao ano pasado con bonos para as dúas xornadas por 30 e 20 euros en categorías adulto e xuvenil e entradas por días cun custo de 20 e 10 euros respectivamente

Torneo Internacional Interpontes de Balonmán

Xa queda menos para a segunda edición do Torneo InterPontes, unha cita internacional repleta de balonmán do máis alto nivel que reunirá no Pavillón Municipal dos Deportes ao One Veszprém, FC Porto, Cisne e Balonmán Cangas os días 13 e 14 de agosto.

As entradas para poder asistir ao evento xa están á venda desde este xoves cuns prezos que manteñen a liña da pasada edición, pois non experimentan subidas en ningunha das categorías nin modalidades.

Ao ser dous días de competición, a organización volve pór á venda un bono de acceso a ambas as xornadas que mantén o prezo de 30 euros para o público adulto e de 20 euros para o xuvenil, categoría que inclúe ás persoas nadas entre os anos 2006 e 2009.

Para aqueles que só queiran asistir a un dos dous días do evento, ben ao das semifinais ou ao da loita polas medallas, poderanse adquirir entradas a un prezo de 20 euros para adultos e 10 euros para xuvenil. No caso deste último, o custo diminúe respecto dos 15 euros do pasado ano.

Todas as persoas nadas despois do 2009 poderán entrar de forma gratuíta e as entradas xa se poden adquirir na plataforma de venda online do Torneo Interpontes.

Doutra banda, xa se coñecen os cruzamentos das semifinais desta segunda edición do torneo internacional que acollerá a Boa Vila.

O Club Cisne Balonmano debutará o xoves 13 de agosto ás 19:00 nun choque ante o One Veszprém de Hungría. Dúas horas despois, ás 21:00, terá lugar a segunda semifinal que enfrontará ao FC Porto de Portugal co Balonmán Cangas.

A gran final xogarase o venres 14 ás 19:00 e, unha vez finalice, comezará a loita polo terceiro e cuarto posto.

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora