Os xogadores do Pontevedra CF, Tiago Rodríguez e Alain Ribeiro, analizaron o recente partido contra o Guadalajara como un enfrontamento "moi duro fisicamente, ademais de exixente coa defensa que expuxeron".
Segundo Tiago, "na primeira parte eles estaban a defender moi abaixo e non tivemos tanto desgaste, pero si que na segunda volveuse o partido un pouco máis tolo e un pouquiño máis corre rúas. Entre iso e que o campo estaba pesado pola choiva, creo que ao final tivemos moito desgaste".
Pola súa banda, Alain Ribeiro mostrou un sentimento agridoce tras non lograr a vitoria na casa, aínda que valorou a dinámica positiva do equipo e o punto conseguido.
"É importante sumar nesta categoría e máis na casa. Viñamos coa intención de sacar os tres puntos, pero polo menos conseguimos darlle a volta e sacar un punto", destacou.
Neste sentido, Tiago afirmou que "algo bo que ten o equipo é que nunca cae e volvémolo a demostrar. Ao final logramos empatar antes do descanso, sabiamos que era algo complicado e moi importante".
Ambos os dous xogadores coincidiron na importancia de manter a fortaleza en Pasarón e de recuperarse fisicamente para o compromiso de Copa do Rei deste mércores fronte ao Eibar.
Tiago confesou que "imos vivilo con moita ilusión", consciente de que, se gañan, traerán a un Primeira División ao templo granate. "Non temos nada que perder", subliñou.
Finalmente, Alain resaltou a ilusión de disputar un partido deste tipo fronte á súa afección e de "repetir o bo do ano pasado".