Un 'Xogo de mestres' para pór en valor os 80 anos do Teucro

Pontevedra
14 de agosto 2025

Dúas lendas dos bancos do balonmán nacional, Manolo Cadenas e Zupo Equisoain, participaron este xoves nunha xornada organizada polo Teucro con motivo do seu 80 aniversario

Charla-coloquio 'Xogo de Mestres' organizada polo Teucro
Charla-coloquio 'Xogo de Mestres' organizada polo Teucro / PontevedraViva

Unha xornada especial para a Sociedad Deportiva Teucro.

O club pontevedrés pon o broche aos actos do seu 80 aniversario este xoves cun día completo, cheo de deporte pero tamén de bos recordos e anécdotas.

Dúas lendas dos bancos nacionais como Zupo Equisoain e Manolo Cadenas, xunto aos locais Sergio Carballeira e Edu Agulló ademais de Víctor García 'Pillo' como moderador participaron na charla-coloquio 'Xogo de mestres', celebrada no edificio administrativo da Xunta en Benito Corbal.

"É un pracer estar aquí porque, indirectamente, tamén fomo parte desta historia" afirmaba previamente Cadenas, adestrador de equipos como Ademar de León e Barcelona ademais de Seleccionador Nacional Absoluta durante varias tempadas.

"É un sitio especial onde xogamos moitas veces", afirmou lembrando anécdotas como cando na súa primeira visita o Municipal, co Leganés, "as nosas camisetas eran iguais e o Pontevedra de fútbol tívonos que deixar unhas granates".

Charla-coloquio 'Xogo de Mestres' organizada polo Teucro
Charla-coloquio 'Xogo de Mestres' organizada polo TeucroPontevedraViva

Tamén Equisoain, técnico que fixo campión de Europa o Portland San Antonio, deixou palabras de agarimo cara á historia do Teucro, afirmando que "é unha alegría" velo con vida despois de tantos anos e a pesar dos malos momentos, e é que outros non correron a mesma sorte. "Acórdome moito do meu San Antonio, acórdome moitísimo, que se o Teucro cumpriu 80 o San Antonio posiblemente cumpriría 70 ou 75", explicou sobre a entidade navarra na que tantos anos estivo e que tristemente desapareceu.

En clave máis local sentaron na mesa dous pontevedreses con alma teucrista como Edu Agulló e Sergio Carballeira. O primeiro, analista actualmente no TVB Stuttgart alemán, asegurou que os actos de aniversario celebrados nos últimos meses "creo que serviron para reconectar o Teucro coa cidade", esperando "que non sexa algo anecdótico e se siga vendo nos próximos anos porque ao final o Teucro é parte do ADN de Pontevedra".

En similares termos Sergio Carballeira, adestrador que chegou a dirixir o Benidorm na Liga Asobal, mirou con optimismo ao futuro do club defendendo que "no momento que se constrúa de novo un bo proxecto, a xente vai responder".

Esta charla-coloquio servía como aperitivo á celebración do primeiro Torneo Iternacional Helenes, co partido entre o Teucro e unha Selección Galega formada por xogadores de Primeira Nacional (18.45 horas) e o duelo entre o BM Granollers e o SL Benfica portugués (21.00 horas).