Xornada de atletismo popular en Santo Tomé de Piñeiro coa VIII edicion da Pinga Pinga

Marín
26 de novembro 2017

Máis de 150 atletas participaron este domingo na proba popular absoluta, ao que hai que sumar a nutrida participación de nenos e nenas nas categorías inferiores

VIII Carreira Pinga Pinga Diego Torrado

Contra o frío o mellor remedio, facer deporte. A carreira popular Pinga Pinga combateu este domingo ao frío matinal para celebrar ao fin a súa oitava edición, convertida nunha proba consolidada.

Máis de 150 atletas tomaron parte na carreira absoluta, de case 7,3 quilómetros de percorrido, ao que se sumaron un gran número de nenos e nenas nas diferentes probas das categorías inferiores e tamén os participantes na andaina.

A contorna do campo de fútbol de Santo Tomé de Piñeiro viviu así un día de gran ambiente deportivo, finalizando ademais cunha carpa gastronómica e xogos inchables para os pequenos.

A xornada organizada polo Club Deportivo Pinarium incluía tamén unha sentida homenaxe ao piragüista pontevedrés Óscar Graña.

En canto ao estritamente deportivo, o vencedor da proba absoluta foi Luís Figueroa (24:07), seguido de Álvaro Prieto (24:43) e Amadeo Abal (24:58). Para eles foron os premios en metálico de 200, 100 e 50 euros na categoría masculina.

Na feminina, pola súa banda, a vencedora foi Tania Domínguez (33:11), completando o podio Marga Villaverde (34:13) e Ángeles Iglesias (34:31).

Consulta as clasificacións da VIII Carreira Popular Pinga Pinga.