Xornada de visitas ilustres e bo ambiente nas bancadas de Silgar

Sanxenxo
09 de xullo 2016

Éxito de público na praia de Silgar durante a segunda xornada da liga Europea de Fútbol Praia. Sanxenxo, rendido ao gran evento, vibrou especialmente cun novo triunfo de España. O futbolista de Barcelona Denis Suárez ou o presidente da Xunta, convidados de excepción

Liga Europea de Fútbol Praia en Sanxenxo
Liga Europea de Fútbol Praia en Sanxenxo /

Máis de 2.000 persoas nas bancadas facendo a 'ola'. Así concluíu a segunda xornada da Liga Europea de Fútbol Praia que se esta disputando en Sanxenxo.

A afección desbordou todas as previsións durante unha calorosa xornada que concluíu co segundo triunfo de España, esta vez ante Francia nun choque espectacular no seu inicio, con catro goles en só 45 segundos.

A selección nacional derrotou á francesa por 11 goles a 3 e xogarase o primeiro posto do torneo este domingo (18:45 horas) ante Ucraína, que tamén gañou os seus dous duelos.

O día estivo marcado ademais polas visitas ilustres, como a do xogador galego do Fútbol Club Barcelona Denis Suárez, que realizou o saque de honra do último partido do día, o España-Francia.

"De todas las veces que he jugado, recuerdo que es muy duro. Incluso en las pretemporadas, que nos vamos a la playa a entrenar, es agotador", sinalou Suárez, que recoñeceu ademais as diferenzas entre a modalidade tradicional e o fútbol praia: "Tiene mucho mérito como juegan a fútbol playa a este nivel, porque mantienen el balón en el aire prácticamente todo el tiempo, y eso no es nada fácil", explicou.

Tamén se achegou ata Silgar o presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, que felicitou á Federación Galega de Fútbol pola organización do evento e desexou sorte á Selección Española, á que visitou durante o adestramento que estaban a realizar no campo anexo.

A Liga Europea despídese este domingo de Sanxenxo, pero o fútbol praia terá continuidade a próxima fin de semana co Campionato de España de Seleccións Autonómicas e que foi sorteado este sábado.