Xornada frenética no Arosa: Fichaxe, baixas e comunicado dos xogadores renovados en defensa de Luisito

O Salnés
15 de xuño 2023

 "Xamais ningún xogador deste plantel sentiu maltratado, nin física nin psicoloxicamente por el. De ser así non renovariamos", afirman os once futbolistas que renovaron un ano máis co Arosa. O club confirmou ademais a fichaxe de Gabriel Barroso

Abel Suárez, no partido entre Arosa e Silva na Lomba
Abel Suárez, no partido entre Arosa e Silva na Lomba / Cristina Saiz

O Arosa SC viviu este xoves unha xornada frenética, con comunicación oficial de baixas, unha fichaxe e un comunicado asinado polos once xogadores que renovaron o seu contrato para defender a honorabilidade do seu técnico e director deportivo, José Luis Míguez 'Luisito'.

"Desde hai días asistimos con preocupación aos comentarios vertidos e acusacións vertidas cara a Luisito. Se algo o caracteriza é a esixencia, pero xamais ningún xogador deste plantel sentiu maltratado, nin física nin psicoloxicamente por el. De ser así non renovariamos", aseguran nun texto difundido polo club Manu Táboas, Sergio Cotilla, Santi Figueroa, Pacheco, Nacho Carús, Martín Sánchez, Brais Pedreira, Brais Vidal, Iñaki Martínez, Borja Míguez e Sylla. 

"Son acusacións graves das que non existen probas, feitas desde fóra dun vestiario que estivo unido durante toda a tempada e que o segue estando", defenden os xogadores pedindo á contorna arosista "remar todos e todas na mesma dirección".

CINCO NOVAS BAIXAS OFICIAIS

Ademais da saída xa anunciada do capitán Julio Rey, o Arosa confirmou as baixas de Javi Sandá, Baraca, Jorge Fajardo, Abel Suárez e Alberto Campillo.

No caso do primeiro chegóuselle a ofrecer a renovación, pero ao non contestar no prazo dado a entidade, o club de Vilagarcía optou por avanzar por outro camiño, mentres que Campillo decidiu retirarse do fútbol en activo. Pola súa banda as saídas de Fajardo, Baraca e Abel Suárez xustifícanse nunha decisión técnica.

GABRIEL BARROSO, CUARTA FICHAXE 

Por último o club arlequinado anunciou á súa cuarta fichaxe, segunda incorporación dun futbolista sub-23.

O elixido é Gabriel Barroso, centrocampista coruñés formado no Montañeros que procede do Viveiro, aínda que finalizou o curso no CD As Pontes tras concluír a liga de Terceira RFEF.

"Cando chegou a chamada do Arosa non mo pensei", asegura Barroso valorando que a súa chegada é "un paso moi importante para un xogador da miña idade".