Xornada importante e dura proba para o Arxil, que recibe ao líder da liga

Pontevedra
09 de marzo 2017

O equipo pontevedrés recibe este sábado (19:30 horas) no Centro Galego de Tecnificación Deportiva ao case intratable Aros de León, equipo xa clasificado matematicamente para o play-off de ascenso. Os duelos directos entre o resto de rivais pola cuarta praza converte a xornada en vital para as aspiracións das verdes

Partido entre Arxil e ADBA Avilés no CGTD
Partido entre Arxil e ADBA Avilés no CGTD / Diego Torrado

A falta de cinco partidos para o final da competición regular na Liga Feminina 2 de baloncesto, o Arxil xógase este sábado gran parte das súas opcións de xogar a fase de ascenso.

Metido de cheo na pelexa pola cuarta praza, agora a un só triunfo de distancia, o equipo pontevedrés afronta unha xornada clave á vez complicada. 

As verdes reciben no pavillón do Centro Galego de Tecnificación Deportiva (sábado, 19:30 horas), ao intratable líder da competición, o Aros León, equipo xa clasificado matematicamente para o play-off. Este partido coincide con enfrontamentos directos entre o resto de rivais, cun Celta-Joventut Les Corts ou un Lima Horta-Ibaizábal.

En canto ao Aros, o conxunto leonés levou unha traxectoria inmaculada na competición ata as últimas semanas, cando co billete para a fase de ascenso encamiñado perdeu os seus dous únicos partidos de toda a tempada, ambos lonxe da súa pista ante Sant Adriá e Ensino. A iso agárrase o Arxil, que pediu o apoio da súa afección ante tan importante cita.

Mayte Méndez contará coa baixa de María Centeno por lesión, e ademais Ana Román e Ana Martín arrastran problemas físicos, aínda que se espera que poidan participar no encontro.