Xornada positiva para o Froiz na Copa de España

Pontevedra
01 de abril 2019

Aínda que o triunfo ségueselle resistindo, o equipo pontevedrés colocou a tres dos seus corredores no grupo cabeceiro de pouco máis de 20 unidades. Diego González, o seu mellor clasificado, consolídase no Top-20 da xeral do campionato

Ciclistas do Froiz na Clásica de Torredonjimeno
Ciclistas do Froiz na Clásica de Torredonjimeno

O triunfo ségueselle resistindo ao Grupo Deportivo Supermercados Froiz na Copa de España Elite e Sub-23, pero o equipo pontevedrés recobrou a moral cunha boa actuación na Clásica Torredonjimeno, sexta cita puntuable da competición.

Primeiro Aitor Bugarín coouse no primeiro corte importante, aínda que este viuse neutralizado na subida máis importante da xornada.

Nos últimos 40 quilómetros o ritmo foi moi elevado e aí estiveron Diego González, Noriega e Aarón Mariño.

A escuadra alimenticia colocou a tres dos seus ciclistas no grupo cabeceiro de pouco máis de 20 unidades que xogou a vitoria nos quilómetros finais.

O primeiro posto adxudicouno en solitario, grazas a un ataque a poucos quilómetros de meta, Sergio Martín (Caja Rural), chegando os corredores do Froiz no grupo perseguidor a só 19 segundos, entrando González no posto 12º, Diego Noriega no 17º e Aarón Mariño no 19º.

Na xeral da Copa de España Diego González sobe posicións para pechar o Top-20 con 92 puntos a falta das tres últimas carreiras. Ademais en Torredonjimeno o Froiz foi o segundo mellor na clasificación por equipos tras o Caja Rural.