Xornadas de probas biomecánicas no Froiz

Pontevedra
03 de abril 2018

Aproveitando o parón competitivo da Semana Santa, o equipo realizou as probas aos seus corredores galegos, tanto para as bicicletas de ruta como as de contrarreloxo

Probas biomecánicas no Froiz
Probas biomecánicas no Froiz /

Aproveitando o parón competitivo da Semana Santa, o Grupo Deportivo Supermercados Froiz realizou as probas biomecánicas aos seus corredores galegos.

Estas probas, que dan claves para corrixir a posición do ciclista sobre a súa máquina para evitar lesións e mellorar o seu rendemento, realizáronse tanto para as bicicletas de ruta como para as de contrarreloxo.

O estudo realizouse en colaboración coa empresa viguesa Biomecánica San Lázaro baixo o sistema coñecido como 'Retul', un sistema dinámico que analiza ao ciclista en movemento en tempo real e indica mediante os graos de flexión das articulacións a posición ideal para un óptimo rendemento. Trátase, aseguran desde o Froiz, dunha das opcións biomecánicas máis avanzadas do mercado.

Os datos obtidos indican os cambios para realizar nunha bicicleta, tales como a altura do sillín, o tamaño da potencia do guiador, a súa anchura ou a talla do cadro.

Tras realizar esta probas, que noutras tempadas levaban a cabo coincidindo co inicio da tempada, o Froiz prepárase xa para volver á acción cunha fin de semana no que o seu principal centro de atención será o Memorial Valenciaga no País Vasco, cuarta cita puntuable da Copa de España Elite e Sub-23.