Xunta e Concello de Vilagarcía únense para reformar o pavillón de Fontecarmoa

O Salnés
29 de decembro 2020

O proxecto está aínda en fase de tramitación, pero contempla actuacións en vestiarios, instalacións eléctricas, saneamento, cuberta, illamento, peche perimetral, interiores ou eficiencia enerxética. 

Piscina municipal de Fontecarmoa, en Vilagarcía Serviocio

A reforma do pavillón vilagarcián de Fontecarmoa segue dando pasos cara adiante. O último salto produciuse este martes despois da reunión entre o alcalde, Alberto Varela, e o secretario xeral para o deporte, José Ramón Lete Lasa, na que selaron o seu compromiso para facer realidade o proxecto.

A intevención será moito máis ambiciosa que unha mera reparación de defectos. "Significará case construír un poavillón novo", recoñeceu o rexedor, antes de enumerar actuacións nos vestiarios, nas instalacións eléctricas, no saneamento, na cuberta, no illamento, no peche perimetral, nas estancias interiores ou na eficiencia enerxética. 

Polo momento descoñécese aínda a contía do investimento, que se dará a coñecer unha vez finalizada a auditoría que están a realizar estes días os técnicos. Unha vez redactada a memoria, ambas as partes citáronse para outro encontro no que prevén seguir avanzando na tramitación do proxecto. 

Nos últimos meses xa se realizaron intervencións de mellora nas instalacións do pavillón, como a maquinaria da piscina, as pistas de tenis ou a habilitación dun novo espazo de aparcamento.