"Por fin estamos en Primeira RFEF".
Con esas palabras arrincaba Yago Iglesias a súa comparecencia ante os medios de comunicación, sobre o propio céspede de Pasarón e en plena celebración, tras o ascenso do Pontevedra.
"Creo que a tempada é espectacular e necesitabamos o broche", afirmou o preparador.
O de menos eran os detalles técnicos, e é que "hoxe é tontería falar do partido, falar de fútbol, isto é resumo do que foi o Pontevedra este ano", defendeu.
Iso si, Yago recoñeceu que contra o Laredo "creo que sufrimos entre comiñas máis do normal, seguramente polo que nos estabamos a xogar, polo ambiente, porque sabiamos que de gañar hoxe conseguiamos o que moitos de nós levabamos dous anos para conseguir".
O adestrador granate botou a vista atrás para lembrar como "a tempada pasada no último partido do play-off fómonos moi fastifdiados para casa, por non dicir outra palabra, e creo que hoxe é merecido para todos, para a afección, para os xogadores, para o club e por que non dicilo para o corpo técnico, os homes de negro que sufrimos cada día".
Todo iso cun Pasarón que rozou o cheo absoluto nunha imaxe que non é a primeira vez que sucede esta tempada.
"Creo que a Copa do Rei deunos ese enganche coa afección, creo contra o Levante ou Villarreal a xente viña ver a eses futbolistas que vía na tele cada fin de semana e no partido de hoxe e a tempada a afección acaba vindo ver o Pontevedra", descató Iglesias.
En canto ao obxectivo cumprido, aínda que con ganas de festexalo, "creo que seremos consncientes co paso dos días, de gozalo máis", concluíu entre berros de alegría dos seus futbolistas.