Yago Iglesias atopa banco nun dos rivais galegos do Pontevedra en Primeira RFEF

Pontevedra
19 de xuño 2025

O ex adestrador granate comprometeuse polo Club Deportivo Lugo por unha tempada, máis outra opcional

20241020 Saiz pasaron entrenador yago iglesias 001

Tres semanas despois da súa desvinculación completa do Pontevedra Club de Fútbol, Yago Iglesias atopou novo banco nun dos rivais do equipo granate a próxima tempada na Primeira Federación.

Non fai falta esperar á división dos grupos para saber se concidirá co Pontevedra, e é que o seu novo equipo é outro dos galegos da categoría, o Club Deportivo Lugo.

Segundo informa a entidade lucense, Yago asina con eles por unha tempada máis outra opcional, en función de obxectivos.

Será presentado oficialmente o vindeiro martes ás 12:00 horas no Estadio Anxo Carro.

"A súa chegada ao CD Lugo responde á vontade do club de apostar por profesionais que coñezan a identidade galega e cheguen a sentirse parte do proxecto", explica o Lugo no seu comunicado oficial.

A entidade albivermella destaca ademais que chega ao club "tras asinar unha tempada histórica á fronte do Pontevedra CF", lembrando o ascenso e tamén a traxectoria na Copa do Rei.

Desta forma o regreso de Yago Iglesias ao Estadio Municipal de Pasarón está asegurado, aínda que xa non será no banco local que ocupou durante as dúas últimas campañas.

O de Ribeira pechou recentemente unha etapa como granate na que acumulou 76 encontros oficiais entre Liga, play-off e Copa do Rei, cun saldo de 45 vitorias, 18 empates e só 13 derrotas.