Yago Iglesias despexa as dúbidas sobre Dalisson: "Está lesionado, non se está tirando do barco"

Pontevedra
14 de febreiro 2025

O técnico granate aproveitou a rolda de prensa previa ao encontro ante o Marino de Luanco para frear os rumores sobre o futuro de Dalisson: "Está a traballar á marxe do grupo"

Dalisson festexa o gol que supuxo o triunfo contra el Villarreal en Pasarón
Dalisson festexa o gol que supuxo o triunfo contra el Villarreal en Pasarón / Mónica Patxot

Tras unha semana chea de rumores nas que se desconfiaba acerca da lesión e do futuro de Dalisson de Almeida, o adestrador do Pontevedra Club de Fútbol, Yago Iglesias, decidiu deixar as cousas claras: "Está lesionado, non se está tirando do barco".

Parte desas dúbidas chegaron despois da rolda de prensa do venres pasado,  na que Iglesias non só non concretaba acerca da magnitude da lesión do xogador, senón que dicía non saber nada do que ía suceder. Por iso, na previa do enfrontamento ante o Marino de Luanco, o técnico deu as explicacións necesarias para disipar a incerteza.

No momento de lesionarse, "a súa sensación era que lesión ía desde o glúteo ata enriba do xeonllo, o problema foi atopar o que ten exactamente, que é un problema muscular e no tendón. A semana pasada -os médicos- non tiñan claro que protocolo seguir", recoñeceu.

Dalisson non é un xogador de "pasar de dalo todo no campo a borrarse. Para quen teña dúbida, que as disipe. Está a traballar á marxe do grupo. A súa evolución verase co tempo que tarde en cicatrizar e a percepción que poida ter. Imos moi amodo pola importancia da lesión e do xogador, hai que ser cautos", sinalou.

Ademais da ausencia do cántabro e dos xogadores lesionados de longa duración, é dúbida Igor, que "non adestrou en toda a semana" a raíz do golpe que recibiu a pasada fin de semana contra o Langreo. "Complicóuselle, ten ferida e o nocello inflamado. Non hai rotura nin lesión grave, pero está tan inchado que non lle permite pór a bota. Veremos mañá se podemos contar con el", indicou o adestrador.

O que está claro é que independentemente das baixas coas que conte, o cadro granate viaxa a Asturias "coas ideas claras" e coa intención de traerse os tres puntos. Saberá o resultado do Numancia, que xoga ese mesmo día ás 12:00 horas,  pero Yago cre que iso non será un condicionante e só teñen que ser "o equipo que habitualmente somos".

En cambio, o que si cre que influirá no tipo de xogo que manexa o equipo é o terreo de xogo do estadio do Marino de Luanco.  "É un campo que habitualmente está ben na primavera, pero o resto do ano cambia as condicións respecto ao noso. O noso ten area e dificúltanos despregar a idea de xogo de circulacións rápidas, pero o seu campo non é tan duro como o noso e con choiva vólvese máis inestable", lamentou o técnico.

"Imos ter que adaptarnos, pero imos con preaviso do contexto que imos atopar alí. O campo está igual para os dous, pero eles ao ser o equipo local está afeito. Non é impedimento nin escusa, por iso o domingo chegaremos e axustaremos o que sexa necesario", sinalou Iglesias.

Por último, en relación ao equipo que se atopará esta xornada (Miramar, 17:00 horas), o adestrador granate cre que ten "moitas similitudes co Langreo. É un equipo que sempre está aí, teñen clara a súa filosofía, continuidade de xogadores e outros con experiencia. Saben competir moi ben. No partido de ida demostraron que saben manexar os tempos, non se poñen nerviosos, non lles importa estar a defender preto da súa portaría e aproveitar as contras. O que están a facer é froito de todo o contexto, teñen claro o club que son e os xogadores que son. A traxectoria que levan é moi boa, sempre están a pelexar por meterse en play-off ata as últimas xornadas", concluíu.