Yago Iglesias: "Imos contentos co que o equipo fixo porque competiu ben"

Pontevedra
09 de decembro 2023

O adestrador do Pontevedra Club de Fútbol, Yago Iglesias, valorou de forma positiva o empate conseguido polo equipo na súa visita ao líder Ourense CF. Consciente da dificultade que supoñía visitar un campo de herba artificial, admitiu que "imos contentos co que o equipo fixo porque competiu ben"  

Partido de liga entre Pontevedra e Compostela en Pasarón
Partido de liga entre Pontevedra e Compostela en Pasarón / Cristina Saiz

O adestrador do Pontevedra Club de Fútbol, Yago Iglesias, valorou de forma positiva o empate conseguido polo equipo na súa visita ao líder Ourense CF. Consciente da dificultade que supoñía visitar un campo de herba artificial, admitiu que "imos contentos co que o equipo fixo porque competiu ben".

"Só vendo a clasificación fala de que o partido era de altos voos" e desenvolveuse "na liña do que esperabamos. A idea era manter a liña defensiva alta e os homes de primeira liña tiñan que facer a presión alta. Creo que o fixemos e anulamos a principal virtude do Ourense, que se manexa moi ben con espazos", recoñeceu.

O técnico pontevedrés explicou tamén que o equipo mellorou en relación a outras xornadas, especialmente ao último encontro disputado nun campo de céspede artificial. Naquela ocasión o Pontevedra caeu por 1-2 ante o pechacancelas Covadonga, "non fomos capaces de competir todo o partido e hoxe ímonos contentos tamén por iso".

Neste sentido, dixo que "somos un equipo que o perfil de xogador que temos é de rasear o balón e xogar a poucos toques. Sabemos que temos que xogar neste tipo de campo e é onde adestramos ao longo da semana, pero este é un céspede moito mellor e está máis novo. Isto condiciona, e hai que ter moi en conta que o Ourense adestra e xoga neste campo, ten as medidas asimiladas".

Cre que ao Pontevedra faltoulle "ese último pase, esa precisión" e, aínda que tivo varias chegadas e na segunda parte estivo preto do gol, "hoxe non tocou e non estivemos precisos".

Por último, Yago Iglesias agradeceu en rolda de prensa o ambiente da afección granate nese partido e recoñeceu que, "se algo bo ten esta categoría, son os duelos de proximidade e os derbis, ese sentir da afección. Creo que houbo un ambiente espectacular e para nós é fundamental, porque nos minutos finais é os que fan que o equipo estea activado ata o final do partido".