Yago Iglesias, satisfeito tras a goleada o Guijuelo: "Soubemos ler todas as situacións do partido"

Pontevedra
01 de outubro 2023

"O resultado é o fiel reflexo do que foi o Pontevedra no terreo de xogo, con once e con dez", admite o técnico granate Yago Iglesias, que recoñeceu estar "moi contento" non só polo resultado senón porque "cada semana que pasa manexamos máis rexistros e sacamos rendemento deles"

Yago Iglesias, no partido entre Pontevedra CF e Guijuelo en Pasarón
Yago Iglesias, no partido entre Pontevedra CF e Guijuelo en Pasarón

O Pontevedra Club de Fútbol volveu a golear en Pasarón demostrando "un nivel moi alto en todas as fases do xogo" fronte ao Guijuelo.

"O resultado é o fiel reflexo do que foi o Pontevedra no terreo de xogo, con once e con dez", admite o técnico granate Yago Iglesias, que recoñeceu estar "moi contento" non só polo resultado senón porque "cada semana que pasa manexamos máis rexistros e sacamos rendemento deles".

"Soubemos ler todas as situacións do partido", mesmo nas que o Guijuelo podía causar maior perigo, tal e como viña facendo nas anteriores xornadas. Con todo, "non nos xeraron nin xogo dinámico nin a balón parado, o cal fala ben do Pontevedra e dos xogadores, que estiveron de doce", recoñece o adestrador, que aproveitou a rolda de prensa para felicitar á afección "que soubo en que momentos arroupar ao equipo".

Pero Yago Iglesias advirte: "non vos afagades. É moi difícil xerar tanto e é moi difícil marcalo. É a xornada cinco, hoxe estivemos acertados e houbo xogadas para marcar máis", pero tamén "é importante ter a portería a cero".

Con tres puntos máis na marcadora, agora o conxunto granate pensa que por diante ten dous partidos consecutivos fóra de casa. O primeiro contra o Coruxo e o segundo contra o Zamora, imparable desde que comezou a tempada con pleno de puntos. E será nese momento cando o Pontevedra terá que mostrar a efectividade que ten na súa casa para seguir sumando, a poder ser de tres en tres, e ter ese colchón de puntos para escalar posicións e estar onde o equipo quere.