O Yelko Pino máis goleador da súa carreira deportiva

Pontevedra
03 de outubro 2023

O centrocampista granate, con tres goles, igualou xa a súa mellor cifra realizadora cando só transcorreron cinco xornadas de competición, demostrando que é un dos grandes beneficiados do esquema de xogo que propón Yago Iglesias, no que ten liberdade para pisar a área rival

Partido de liga entre Pontevedra CF e Gimnástica de Torrelavega en Pasarón
Partido de liga entre Pontevedra CF e Gimnástica de Torrelavega en Pasarón / Cristina Saiz

Dúas goleadas consecutivas encadea o Pontevedra Club de Fútbol na casa, deixando definitvamente atrás os problemas de puntería que parecía padecer o equipo en pretempada.

Na estatística goleadora destacan dous homes, Rufo con catro tantos e Yelko Pino con tres, máximos anotadores dunha lista na que Dalisson e Álex González están con dúas dianas e Garay, Chiqui e Hermelo cun gol.

O caso de Yelko é o máis rechamante de todos, e é que o centrocampista vigués está a ser un dos maiores beneficiados do esquema de xogo proposto por Yago Iglesias. Con galóns na creación de xogo, ten máis liberdade que nunca para achegarse á área e a posicións de perigo, e iso traduciuse non só nos tres goles anotados senón en dúas asistencias máis. Participou directamente por tanto en cinco dos 14 goles que suma o Pontevedra.

As súas dianas chegaron todas na casa, cun gol de falta contra a Gimnástica de Torrelavega, outra fronte ao Langreo e o terceiro o pasado domingo fronte ao Guijuelo.

O inusual do caso é que os tres goles supoñen igualar a mellor cifra realizadora da súa carreira en liga na mesma tempada, e iso que só pasaron cinco xornadas de competición regular. Son os mesmos tantos conseguidos en cada unha das dúas campañas que leva defendendo a elástica granate, tanto en Segunda RFEF como en Primeira RFEF. Antes anotara dous goles co Celta B 14-15, un co filial celeste un ano antes e un máis co Lugo en Segunda División (16-17).

Yelko quedou sen anotar en liga no seu paso por equipos como o Atlético Baleares, Algeciras, Ponferradina ou Cultural Leonesa.

"Estou a gozar moito e estou seguro que o imos a facer durante toda a tempada. O modelo que propón o míster é moi favorable para min, tentando sempre ter o control do partido, a posesión da pelota", recoñeceu a principios de curso o 10 granate nunha entrevista concedida a PontevedraViva

Os números, que non menten, apoian sen dúbida esa afirmación.