Ao Pontevedra Club de Fútbol xa só quédanlle nove finais por diante despois de conseguir tres puntos importantísimos en casa do Real Oviedo Vetusta.
"Esperabamos un Oviedo Vetusta moi intenso", destacou o técnico granate, Yago Iglesias, en relación á boa dinámica na que chegaba o equipo asturiano á cita. "O partido estivo na liña do que esperabamos", sinalou.
"A primeira parte estivo moi aberta", analizou o adestrador. "Xeráronnos moitos problemas con esas mobilidades cos seus xogadores interiores, pero na segunda, ata o momento no que Mario recibe o pelotazo, creo que somos merecedores de meter ese terceiro gol. Fomos capaces de ter a pelota, pero como sempre no fútbol márcanche o 2-3 e cando te ves cun marcador tan próximo optas por non querer perder o que gañaches".
En relación ao encontro tamén aclarou que o momento no que se deron os goles foron clave, e é que a semana pasada "imos perdendo 0-1 nunha xogada illada no minuto 40 e sete días despois o fútbol devolvéunolo".
De feito, conseguir gañar na casa do Oviedo tras perder a pasada xornada ante o Zamora foi "moi importante" de fronte ao obxectivo do ascenso. "Quedan nove xornadas e sabiamos que despois da derrota da semana pasada era fundamental volver á senda da vitoria", explicou.