Repaso á actualidade do Pontevedra Club de Fútbol na rolda de prensa ofrecida este venres por Yago Iglesias como previa á xornada ligueira que medirá aos granates coa UP Langreo o vindeiro domingo 9 de febreiro (17.00 horas) no Estadio Municipal de Pasarón.
O adestrador do equipo pontevedrés non só se referiu ao próximo partido de liga, senón tamén á preocupante lesión de Dalisson de Almeida e ao recentemente pechado mercado invernal de fichaxes.
Respecto deste último tema, Yago explicou que "se falou con mediocentros, pero para que se fagan fichaxes teñen que querer as dúas partes e houbo xogadores que non quixeron vir, iso a xente tamén o ten que saber".
O técnico defendeu a aposta de dar por pechada a xanela de incorporacións sen a contratación dese xogador que cubrise a baixa por lesión de Cambil, pensando sobre todo en usar nesa demarcación a Rares Mezdrea.
"Creo que Rares ten futuro a máis nivel como seis", afirmou Iglesias avanzando que "ao 200%" o futbolista granate "vai volver a disputar minutos" nesa demarcación, mostrándose moi satisfeito coa súa evolución.
Xa mirando cara ao Langreo, era inevitable referirse ao estado do céspede de Pasarón, sometido recentemente a un novo tratamento con achega de area para tentar mellorar a súa consistencia especialmente na zona do Fondo Sur.
"O clube está a tentar facer o máximo posible para que se recupere e para telo nas mellores condicións, pero si é certo que non acaba de atoparse. Imos ver que fin de semana atopámonos e, ao final, é o terreo de xogo que temos e é no que temos que xogar", explicou.
"Evidentemente somos un equipo que si o terreo de xogo está ben nos beneficia, iso é unha realidade. Habilítanos e fainos xogar máis rápido e sobre todo contra equipos que fan esa acumulación de xogadores en bloque baixo pois que o campo non estea en boas condicións non nos facilita a capacidade de poder romper esas defensas. Pero non vai ser unha escusa", completou o adestrador granate.
Por último, no puramente futbolístico, Yago Iglesias aludiu á necesidade esta semana, tras a derrota en Riazor, de "reseteo, semana nova, limpar cabezas e limpar pernas porque aínda o necesitamos". Todo coa intención de buscar tres importantes puntos contra un Langreo que "habitualmente é un equipo que independentemente de contra quen xogue ten un sistema moi claro, un modelo de xogo moi claro e compite de tu a tu". Por iso o adestrador espera un rival "valente" en Pasarón.