ÿltimos axustes antes de recibir ao Puertollano

Pontevedra
13 de xuño 2014

Os granates prepáranse para o partido de ida da final polo ascenso ante unha gran expectación. Satisfacción polo ritmo de venda anticipada de entradas. O club lerezano presenta unha camiseta promocional que estará a disposición dos afeccionados na tenda oficial, nos baixos do estadio, cun prezo de 10 euros

Adestramento do Pontevedra no Estadio Municipal de Pasarón PontevedraViva

A poucas horas de recibir no Estadio Municipal de Pasarón (domingo 20:00 horas) ao Club Deportivo Puertollano na ida da final polo ascenso, o Pontevedra Club de Fútbol prepara os últimos detalles de cara á decisiva eliminatoria.

Manu Fernández non desvelará a convocatoria ata despois do adestramento programado para a mañá do sábado no escenario do choque.

O preparador lerezano, con todo, conta con poucas incógnitas e todo apunta a que apostará polo bloque que eliminou ao Granadilla, coa dúbida de si Pedro Cespo regresará ao once tras superar os seus problemas físicos en detrimento de David García.

A expectación na cidade ante o choque é máxima e espérase unha masiva afluencia de seguidores a tenor da satisfacción do club polo elevado ritmo da venda anticipada de entradas, malia que a maior afluencia de afeccionados espérase para o mesmo día do partido nas billeteiras de Pasarón.

Por outra banda, a directiva granate presentou este venres unha camiseta conmemorativa da fase de ascenso que se poderá adquirir na tenda oficial, baixo a bancada de Preferencia, cun prezo de 10 euros.