1. A base de cuncha de vieira
Aínda que para os pontevedreses é ben sabido que a planta da Igrexa da Peregrina ten forma de vieira, este é un dos datos que máis sorprende ao visitante. Presenta unha orixinal fachada convexa de abstracta decoración que segue os contornos dunha planta circular.
O debuxo da súa base lembra á forma dunha cuncha de vieira, símbolo universal da peregrinaxe á tumba do Apóstolo, que en combinación coa cabeceira e as dúas sancristías saíntes laterais, sinalan a forma da cruz. Esta tipo de construción circular asóciase á tipoloxía máis estendida nos templos portugueses da época.

2. O equívoco entre San Xosé e San Roque
Na fachada do templo prodúcese unha curiosa confusión na identificación dunha das tres imaxes situadas no segundo corpo do exterior: a Virxe Peregrina, San Xosé e Santiago o Maior. Durante unha restauración no século XX, a vara de azucenas que porta San Xosé foi substituída por un bastón, o que levou a que, por erro, nas guías se afirme que esa imaxe é San Roque.
Este último Santo é coñecido por atributos como as chaves cruzadas no sombreiro, as feridas da peste e o seu can levándolle o pan; e de todos eles carece a figura do santuario, segundo destacaba recentemente o estudoso Gonzalo González Lorenzo en carta remitida á Confraría de Nª Sª do Refuxio "A Divina Peregrina".

3. O Camiño Portugués a Santiago pasa por diante do seu atrio
A Virxe Peregrina non só é unha figura devocional e patroa da provincia de Pontevedra, senón que tamén cumpre unha función crave no Camiño de Santiago. O templo é un dos puntos oficiais onde os peregrinos obteñen ou selan as súas credenciais. Ademais, cada día ofrécese a Misa do Peregrino ás 19:30 horas (de luns a sábado) e ás 13:00 horas (domingos e festivos).
A ruta xacobea que une Portugal con Santiago de Compostela pasa por este santuario, xusto por diante do seu atrio. De feito, a Virxe Peregrina é a patroa do Camiño Portugués a Santiago. A imaxe representa a iconografía peregrina: portando o báculo do que colga unha pequena cabaza, o zurrón e a cuncha de vieira.

4. A pila feita coa cuncha dun bivalvo xigante
Unha curiosidade única atopámola na entrada do templo: a orixinal pila de auga bendita feita cunha cuncha de bivalvo xigante que o Almirante Casto Méndez Núñez enviou dende o Pacífico en agradecemento pola súa recente vitoria na batalla de Mindanao (Filipinas) en 1861.
Este ilustre mariño pontevedrés capitaneou posteriormente en 1866 a escuadra que atacou os portos de Valparaíso e do Callao (Chile), onde resultou ferido e, a consecuencia destas feridas, faleceu máis tarde en Vigo no ano 1869.

5. Dous toureiros doaron os seus capotes
É sabido que os toureiros que participan na feira taurina de Pontevedra, antes de saír á area, acoden á Capela de San Roque para pedir protección divina antes da faena. Con todo, tamén a Virxe Peregrina uniu a figuras do mundo taurino.
Dous toureiros doaron os seus capotes. O matador Julián Marín fíxoo en 1948, e con esta peza confeccionouse un manto e unha esclavina para vestir á Virxe Peregrina. Pola súa banda, o mestre Ángel Teruel realizou a súa doazón en 1973, que permitiu elaborar un traxe completo para a Peregrina.

6. O reloxo que marca o tempo á súa maneira
O reloxo da torre norte da Peregrina é famoso polo seu carácter peculiar, xa que non sempre marca a hora exacta. As súas badaladas anuncian o Ánxelus co toque do Salve Rexina cada mediodía e celebran con redobres os días de festa, converténdose nun símbolo sonoro de Pontevedra.
Este antigo mecanismo, o máis veterano da cidade, chegou á Peregrina en 1896, tras ocupar o desaparecido Hospital de San Xoán de Deus, situado na actual praza de Curros Enríquez. Nunca foi exacto: as súas pesadas agullas, xunto co vento e o paso do tempo, provocaron desaxustes constantes nas súas engrenaxes de bronce.

7. A declaración BIC abarca a Peregrina e moito máis
O santuario da Peregrina foi declarado Ben de Interese Cultural (BIC) en 2011, por ser un templo "ligado ao Camiño de Santiago" e porque supón "un dos poucos exemplos de igrexas con planta central".
O que moitos descoñecen é que con esta declaración, non só se lle outorga unha protección especial ao edificio do santuario, senón que tamén abarca a súa contorna, conformada por rúas, prazas, xardíns e edificios adxacentes que compoñen o conxunto monumental en toda a súa extensión.

8. O singular roupeiro da Peregrina
A Virxe Peregrina de Pontevedra presume dunha característica única: 15 traxes completos que se alternan ao longo do ano, integrando vestido, esclavina, sombreiro, carteira, cíngulo, manto e vestimenta do Neno Xesús, todo coidadosamente gardado e envolto en papel de seda nun armario roupeiro na planta superior da igrexa.
A Confraría Nosa Señora do Refuxio "A Divina Peregrina" impulsou durante décadas a recompilación e confección destes traxes, elaborados en gran parte con pezas doadas. Cambia de traxe aproximadamente cada mes e medio, sen unha orde fixa. En datas sinaladas, como a festa maior ou Semana Santa, a Virxe adoita lucir o seu traxe branco máis vistoso.

9. Antes da fonte actual, houbo unha escalinata
A fonte que adorna o exterior do santuario é moderna, instalada no século XX. Con todo, esta non é a única transformación que experimentou o atrio ao longo do tempo.
Na década de 1880, o atrio con fonte orixinal foi substituído por unha grande escalinata. O conxunto singular actual, formado polo atrio e a fonte que o precede, é froito da recuperación deste elemento segundo o proxecto de restauración do ano 1953-1954, e está presidido pola efixie de Teucro diante dunha cruz, o heroe helénico da Guerra de Troia que, segundo conta unha lenda renacentista, fundou a cidade de Pontevedra.

10. Por que a Virxe e o Neno que leva no seu brazo non se parecen?
Orixinalmente, a Virxe Peregrina foi esculpida en 1776 polo pontevedrés José de Torres. Esta talla foi pintada, xunto ao báculo e o estandarte, por Miguel Godoy. Posteriormente, incorporouse a imaxe do Neno Xesús no brazo esquerdo, obra independente tallada en madeira por José Pernas Gambino en 1814, probablemente para substituír unha versión anterior xa desgastada.
A figura actual da Virxe Peregrina é obra do escultor catalán Luís Vermell, quen tallou unha nova imaxe completa en 1867, substituíndo a anterior polo seu estado de deterioración, e policromada polo pintor Vilarelle poucos meses despois. Deste xeito, a resposta á incógnita é sinxela: a Virxe e o Neno proceden de autores distintos, o que explica a súa aparencia dispar, que lle confire o seu carácter único.

* Datos obtidos da Confraría de Nª Sª do Refuxio "A Divina Peregrina" e da información turística do Concello de Pontevedra.