E chegou o peche masivo de oficinas bancarias. Acabouse a atención humana

Pontevedra
30 de decembro 2021

O motivo é que para os bancos xa non é rendible ter unha sucursal nun pobo onde a clientela é xente maior que non pide créditos. O risco de exclusión financeira forza aos maiores para ter que  apañarse con internet. Acabouse a atención humana

Velorio en Campo Lameiro polo peche de Abanca
Velorio en Campo Lameiro polo peche de Abanca / Concello de Campo Lameiro

Unha das consecuencias da crise financeira do 2008 sufriuse con intensidade este ano: o peche masivo de oficinas bancarias. Sucede nas cidades pero vívese de maneira máis angustiosa no rural onde algúns municipios quedáronse sen este servizo.

O motivo é que para os bancos xa non é rendible ter unha sucursal nun pobo onde a clientela é xente maior que non pide créditos.

O risco de exclusión financeira forza aos maiores para ter que  apañarse con internet. Acabouse a atención humana. 

Os alcaldes dos distintos concellos das Rías Baixas puxéronse á fronte das protestas para reclamar, fundamentalmente a Abanca, que manteña estes servizos.

O rexedor de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela chegou a propoñer unha "fronte común de alcaldes". Organizáronse concentracións en Marín, Campo Lameiro, Poio, Portas, organizáronse velorios simbólicos, recolléronse firmas, canceláronse contas, mesmo houbo quen se encadeou na entrada da oficina bancaria... o rural declarou a guerra aos bancos e perdeu.

As sucursais pecharon e como consolo deixaron un caixeiro automático ou a visita periódica dunha oficina móbil. Para tratar de frear a desbandada a Xunta inxectou 2,8 millóns de euros para que instalasen caixeiros en  concellos onde pechaban oficinas, unha medida que a oposición considerou un obsequio encuberto.

Pero non foi esta a única loita que acendeu as protestas da poboación do rural que tamén se mobilizou pola invasión de parques eólicos nos seus montes.

En Galicia están en marcha uns trescentos macroproxectos de aeroxeradores que, segundo a plataforma Eólica, Así Non, "provocarán un impacto irreparable" no ecosistema e no patrimonio.