Achegámonos á Oficina Municipal de Turismo de Pontevedra, situada na Praza de España, para observar como as informadoras presentan a cidade os visitantes, utilizando un plano e un folleto turístico acerca da Pontevedra monumental, que o turista levará consigo para guiarse.
En concreto, asistimos ás explicacións a un turista vido de Valladolid, interesado en visitar primeiro a zona do río Lérez:
Nós estamos agora na praza de España. Todo o que está ás súas costas é o centro histórico.
Temos un itinerario suxerido, que está moi ben, pódeo ver neste folleto. O centro histórico é peonil, é o modelo de cidade de Pontevedra.
Podemos ver aquí un resumo deste itinerario que nos propón o folleto. Á dereita temos as Ruínas de San Domingos, que é un dos edificios do Museo Provincial, que tamén ten unha interesante sección de arqueoloxía.

As Ruínas de San Domingos son gratuítas, como todos os monumentos, non hai que pagar entrada en ningún recurso de Pontevedra, unicamente na Torre do Campanario da Basílica de Santa María, que é só un euro.
Nesta basílica destaca a fachada plateresca, de Cornielis de Holanda e Joao Nobre.

Os templos en xeral abren en horario partido, até a unha e media podémolos visitar, se non logo, a partir das cinco da tarde. A Igrexa da Peregrina non pecha e o Museo Provincial tampouco.
Da Basílica de Santa María podemos baixar pola rúa Isabel II e chegamos a unha encrucillada onde conflúen cinco rúas e presidida por un dos 10.000 cruceiros que hai en Galicia.
Baixamos pola rúa San Nicolás e chegamos até o río Lérez coa ponte do Burgo, de orixe romana e a máis emblemática, que dá nome á cidade: a ponte vella, pontus véteris, Pontevedra.

Comentar que se vai facer noite en Pontevedra, se dá un paseo xunto ao río, estaría agradable, xa que ademais temos as pontes iluminadas de noite, un xogo de luces duns minutos ás 23:00 horas.
E a uns pasos, o Mercado de Abastos, que podemos visitar até as tres. Hai nel un par de locais, na planta un, que actúan como quilómetro cero, de modo que vostede pode comprar no mercado e cocíñanlle arriba.

E volvendo ao Centro Histórico, subimos pola rúa Real e imos pasando por todas as praciñas: Teucro, mítico fundador troiano de Pontevedra; a de Curros Enríquez, onde temos o Monumento a Alexandre Bóveda, ao que lle dedicamos o Día da Galiza Mártir; a Ferrería, que sería como a nosa praza maior, cos seus soportais.

A poucos metros, chegamos até a Igrexa barroca da Peregrina, que ten a planta basilical de cuncha de vieira, que é o que a fai tan especial; e enfronte vai atopar San Francisco, gótica do século XIV, onde podemos visitar, non lle confundan as estadas do convento, a igrexa até a unha e, pola tarde, a partir das cinco.

Moi preto, a praza da Leña sería unha das máis famosas, estampa típica de Pontevedra, e ademais que é tamén coñecida pola gastronomía; a praza da Verdura coa Casa da Luz; a praza de Méndez Núñez, coa famosa figura de Valle-Inclán; e baixando cara ao Mercado, a praza da Pedreira co Pazo de Mugartegui.

Este que lle sinalo no plano é o Museo Provincial, que é unha xoia, póñolle o horario: de martes a sábado, de dez da mañá a nove da noite, continuado; e domingos e festivos, só de mañá, de once a dúas; luns, pechado. Pode preguntar polas visitas guiadas que están a facer tanto á colección permanente como á Bienal de Arte. Estamos agora até setembro coa Bienal de Arte contemporánea, que mostra obras de artistas de todo o mundo.

E logo temos, cruzando as pontes, a Illa das Esculturas, que é un paseo de arte contemporánea e natureza, a uns vinte minutos a pé, aproximadamente, dende a praza de España, con doce esculturas en granito, de distintas canteiras galegas, e artistas de todo o mundo: Jenny Holzer, Ian Hamilton, ou o artista galego Francisco Leiro, entre outros.
Hai tamén uns códigos QR en cada unha das pezas para descargarse a audioguía.

Enfronte a praia fluvial, para darnos un mergullo de auga doce, e tamén, se lle gusta camiñar, hai unha ruta, que son as sendas do río Lérez, que empeza a continuación da praia, de doce quilómetros, contando ida e volta.

Desde esta Oficina Municipal de Turismo, baixando pola Alameda, ás miñas costas, a cinco minutos nada máis, temos a ría.
O río Lérez, a partir da ponte da Barca, xúntanse xa as augas; e aquí temos o antigo barrio dos pescadores, con construcións a dúas augas aínda. Dende o peirao, hai tamén saídas á illa de Ons as fins de semana e travesías polo río en embarcacións tipo catamarán.

E se vai nestoutra dirección, cara á parte máis urbana, atopámonos coa praza de San José, co Café Moderno, que ten tamén sala de exposicións, aberta pola tarde de cinco e media a oito e media; e o famoso Monumento á "Tertulia", co violinista Manuel Quiroga e un grupo de intelectuais que alí se reunían.

Aquí no folleto xa se lle conta todo, é moita información, pero está todo moi ben explicado. E nós tamén estamos aquí para o que sexa necesario.
Que teña moi boa estancia, benvido!