A programación lúdico-cultural do World Multisport incluíu, nesta ocasión, unha oferta de visitas guiadas pola cidade en inglés, promovidas pola empresa municipal Turismo de Pontevedra.
Dirixidas a deportistas e acompañantes, foron moi ben valoradas polos participantes, segundo informou o Concello de Pontevedra.
Entre as persoas que se sumaron aos roteiros guiados abundaban os que xa estiveran aquí noutros eventos de tríatlon e que agradeceron a oportunidade de coñecer "desde unha perspectiva moi diferente" a Boa Vila, máis aló do aspecto deportivo que tiñan referenciado.
Os percorridos pola cidade da man dunha guía profesional permitiulles descubrir a historia, cultura, monumentos e gastronomía dunha cidade acolledora e preparada para ser escenario dun evento do alcance do Multisport.
E tamén a súa vida rueira, unha realidade que fascinou a moitos deles, que non dubidaron en cualificar o noso xeito de vivir como "un verdadeiro privilexio", tal como lle transmitiron a súa cicerone.
Sorprendeulles ver ás nenas e nenos xogando na rúa, a simbiose da historia e pasado co presente.
Unha apreciación na que coincidiron boa parte das persoas que quixeron coñecer algo máis da cidade que lles abría as portas a través do deporte.
Sumáronse ás visitas guiadas Multisport -máis numerosas na quenda de mañá- nacionais de 11 países distintos: Nova Zelandia, Estados Unidos, Australia, Canadá, Xapón, Dinamarca, Holanda, Francia, Reino Unido, Irlanda e Bélxica.
Paralelamente as visitas guiadas en inglés co gallo do World Multisport, desenvolvidas entre os días 19 e 29 de Xuño, Turismo de Pontevedra deu o disparo de saída ao seu programa estival de visitas.
Foi o 23 de xuño e estenderanse ata o 30 de setembro.
PERCORRIDOS GUIADOS
As visitas patrocinadas polo Concello de Pontevedra e Turismo de Pontevedra teñen unha duración de 1 hora e 45 minutos, inclúe a entrada a monumentos e son, en xeral, en español. O uso do inglés ou outro idioma atenderase cando haxa demanda xustificada.
As persoas interesadas en participar nestas visitas guiadas poden coñecer a oferta, e facer a reserva de praza, a través da web oficial da empresa turística municipal visit-pontevedra, ou de xeito presencial na oficina de turismo (praza de España, esquina avenida de Montero Ríos) É desde aquí, onde parten cada día, liderados por unha guía cun recoñecible paraugas verde.
O custe da visita é de 7 euros, aínda que hai tarifa reducida de 5 euros para persoas desempregadas, xubiladas, con discapacidade e para visitantes aloxados na cidade. Para crianzas menores de 12 anos é de balde.
Por outra banda, da web de Turismo de Pontevedra poden descargarse folletos turísticos da Boa Vila nos seguintes idiomas: español, inglés, francés, alemán, italiano, portugués e francés.