Lores conta cos taxistas para establecer un transporte público a demanda no rural

Pontevedra
18 de maio 2015

O BNG insiste. "Non estamos de acordo en poñer autobuses dando voltas sen xente", asegura Miguel Anxo Fernández Lores, xa que os nacionalistas entenden que "xenera un gasto económico grande e non resolve os problemas". Pero o rural necesita un transporte urbano, especialmente para ese tráfico "cautivo", persoas que non teñen vehículo privado e necesitan desprazarse á cidade

Xuntanza de Miguel Anxo Fernández Lores con taxistas da cidade
Xuntanza de Miguel Anxo Fernández Lores con taxistas da cidade / Cristina Saiz

O BNG insiste. "Non estamos de acordo en poñer autobuses dando voltas sen xente", asegura Miguel Anxo Fernández Lores, xa que os nacionalistas entenden que "xenera un gasto económico grande e non resolve os problemas". Pero o rural necesita un transporte urbano, especialmente para ese tráfico "cautivo", persoas que non teñen vehículo privado e necesitan desprazarse á cidade.

Para eles, o programa electoral do BNG inclúe a posibilidade de establecer un transporte a demanda, un servizo no que pretenden involucrar os taxistas da cidade e que as dúas asociacións de autopatróns que hai en Pontevedra coñeceron este luns nun encontro con Fernández Lores. "Temos que ver de que forma se pode facer, que custos ten e que sexa operativo", explicou o candidato á Alcaldía.

Lores sinalou que se estudará implantar este sistema "se somos capaces de racionalizar este tema". Aposta porque varios veciños se xunten e dende este servizo se lles mande un taxi "porque lles fai falta e non teñen alternativa", respectando sempre as necesidades dos usuarios e o interese público que teñan estas viaxes.

Ademais, o candidato do BNG reiterou que os taxis son un "servizo público que queremos manter como tal". Por iso, avanzou que se opoñen á liberalización do sector "porque iría en contra dos intereses dos cidadáns e dos traballadores, que son maioritariamente autónomos,". Lores reiterou que dentro do modelo urbano, os taxistas cumpren unha función "fundamental" e prometeu aumentar a colaboración co sector.

Con respecto a este encontro, os voceiros das dúas asociacións de taxistas de Pontevedra, Javier Filgueira e José María López, afirmaron que fora "moi positiva" porque lles permite "contrastar opinións e solucionar certas discrepancias". Ambos os dous mostráronse satisfeitos por esta idea do transporte a demanda porque supoñerá "máis traballo nun momento no que o estamos pasando mal".