Lores reivindica en Lérez que Pontevedra ten a máis completa rede de saneamento das cidades galegas

Pontevedra
16 de maio 2015

Levar os criterios de calidade rural a todas as parroquias de Pontevedra. É un dos obxectivos do BNG de cara ao vindeiro mandato se volve ter a confianza dos ponteverdreses para gobernar e este sábados o candidato nacionalista, Miguel Anxo Fernández Lores, presentou a proposta a un grupo de veciños da parroquia de Lérez

Encontro de Miguel Anxo Fernández Lores cos veciños de Lérez
Encontro de Miguel Anxo Fernández Lores cos veciños de Lérez / Daniel Santomé

Levar os criterios de calidade rural a todas as parroquias de Pontevedra. É un dos obxectivos do BNG de cara ao vindeiro mandato se volve ter a confianza dos ponteverdreses para gobernar e este sábados o candidato nacionalista, Miguel Anxo Fernández Lores, presentou a proposta a un grupo de veciños da parroquia de Lérez. 

No acto reivindicou, ademais, que máis do 95% dos pontevedreses teñen saneamentono seu domicilio, é dicir, "Pontevedra ten a máis completa rede de saneamento das cidades galegas". Outro rasgo no que insiste e que defende é que as vías públicas, cos seus problemas, reciben a debida atención e o Concello de Pontevedra "somos, de feito, a única Administración galega que se preocupa polo estado do monte".

Lores mantivo un encontro coa veciñanza na Casa da Cultura de Lérez e trasladou que pretende estender este modelo, paseniñamente, a todas as parroquias do rural coa necesaria colaboración dos veciños.

O seu programa pasa por completar o saneamento do rural asinando o III Convenio coa Xunta de Galicia e chegar a acordos con outras administracións; mellorar a colaboración veciñal sobre as traídas de augas; a aposta pola planta de compostaxe como fonte de recursos económicos e de mantemento ambiental; poñer en valor a rede peonil interparroquial contemplado nos plans de parroquia elaborado no pasado mandato de Fernández Lores e ir completando o mapa do patrimonio do rural moi avanzado na recuperación da toponimia, cun traballo especialmente intenso no Val de Tomeza-Salcedo.

O seu eixo fundamental será potenciar os espazos de centralidade parroquial como os realizados en Cabaleiro (Campañó) ou os iniciados nas parroquias de Mourente ou Salcedo. Todo parte da base de que a vida nas parroquias foi mudando nos últimos tempos e actualmente unha grande parte dos veciños non se dedican a labores agrarios, senón que buscan neste ámbito unha alta calidade de vida con características diferentes das que existen no espazo urbano.

Entre as súas liñas de actuación, Lores destaca que o monte galego nin ten nin pode ter hoxe o mesmo tipo de aproveitamento que tivo no pasado, polo que hai que adoptar medidas novidosas que o manteñan en boas condicións e o convertan en xerador de riqueza. Nese senso, defende a polémica planta de compostaxe que se proxecta na Canicouva e asegura que vai converterse nunha fonte de recursos económicos e de mantemento ambiental.

O programa inclúe un capítulo enteiro sobre vías públicas e mobilidade, no que destaca a creación dunha rede viaria peonil intraparroquial que conecte unhas vías con outras. Para o BNG, vai ser un factor clave na mellora da calidade de vida e no aumento da autonomía dos nenos. Esta rede peonil deberá completarse coa mellora da comunicación ciclista coa cidade para converter definitivamente a bicicleta non só nun medio para o lecer e o deporte senón tamén para o transporte.