Lores xunta mulleres rurais para reafirmar o seu compromiso coa dinamización económica das parroquias

Pontevedra
14 de maio 2015

Achegarse a un grupo de mulleres que viven, dinamizan e traballan no rural foi o que fixo este xoves Miguel Anxo Fernández Lores, candidato do BNG á Alcaldía de Pontevedra. Foi unha charla distendida que serviu para coñecer mellor o tipo de traballo que fan na gran cantidade de centros culturais esparexidos polas parroquias

Encontro de Miguel Anxo Fernández Lores con mulleres que viven no rural BNG de Pontevedra

Achegarse a un grupo de mulleres que viven, dinamizan e traballan no rural foi o que fixo este xoves Miguel Anxo Fernández Lores, candidato do BNG á Alcaldía de Pontevedra. Foi unha charla distendida que serviu para coñecer mellor o tipo de traballo que fan na gran cantidade de centros culturais esparexidos polas parroquias. Víronse precisamente nun dos últimos construídos, resultado da restauración da vella escola de Lusquiños, en Tomeza.

Estas mulleres expuxeron as circunstancias que rodean o seu traballo voluntario, "imprescindible para que os centros culturais parroquiais sexan entes vivos e dinámicos, auténticos epicentros do movemento asociativo", sinalou Fernández Lores. Había entre elas representantes de asociacións culturais, de veciños, deportivas, folclóricas, comunidades de montes ou asociacións recreativas.

O candidato do BNG agradeceu o seu "impagable traballo" a prol das súas comunidades parroquiais, e subliñou que esa era a "auténtica participación cidadá", xa que conseguindo socializar aos veciños e veciñas, estes tamén se implican máis no porvir das parroquias e do conxunto do Concello.

Seguir estimulando esta participación materialízase nunha das principais propostas do BNG para este período. Os nacionalistas apostan por desenvolver máis a figura dos Consellos Parroquiais, dotándoos dunha maior entidade xurídica, regulando a súa vida pública e mellorando a súa comunicación coa veciñanza.

Así mesmo, seguir a traballar para conseguir un rural economicamente cada vez máis dinámico é unha das prioridades do contorno rural da cidade para o BNG, así como estender elementos de calidade da vida urbana tamén para os lugares afastados da capital, para o que resulta imprescindible avanzar na creación de núcleos de centralidade parroquial.