Marea Pontevedra creará un evento artístico anual para presumir da calidade da Facultade de Belas Artes

Pontevedra
15 de maio 2019

O candidato á alcaldía de Pontevedra Luís Rei e Teresa Casal mantiveron este mércores un encontro con Jorge Soto, vicerreitor da Universidade de Vigo na Casa das Campás para analizar a situación do campus universitario

Xuntanza do vicerreitor Jorge Soto con Luís Rei e Teresa Casal, de Marea Pontevedra
Xuntanza do vicerreitor Jorge Soto con Luís Rei e Teresa Casal, de Marea Pontevedra / Marea Pontevedra

O candidato á alcaldía por Marea Pontevedra, Luís Rei e Teresa Casal mantiveron este mércores un encontro co vicereitor da Universidade de Vigo, Jorge Soto, na Casa das Campás.

Durante este encontro trataron a necesidade de establecer unha liña de transporte público que permita a conexión do campus co resto do municipio, especialmente coas diferentes entradas a Pontevedra. Desde Marea Pontevedra entenden que os máis de 4.000 estudantes das facultades pontevedresas deben contar con facilidades para se desprazar polos distintos puntos do Concello.

A proposta de Marea Pontevedra é crear unha rede circular e de xestión pública de autobuses ecolóxicos, que permita a mobilidade de todas as persoas.

Ademais, no encontro Luís Rei incidíu en que Pontevedra conta con varias titulacións relacionadas co deporte e coa saúde ao igual que o Concello conta con múltiples clubs e asociacións deportivas. Para o candidato de Marea Pontevedra, esta situación tan positiva está desaproveitada porque falta coordinación para crear un consorcio dos deportes entre as administracións e a universidade. Este consorcio, segundo Rei, permitirá ás persoas tituladas ter oportunidades laborais na cidade. Ademais, a creación de bolsas para esta tarefa tamén podería ser aproveitada polos clubs deportivos que, deste xeito, contarían con persoal cualificado para desenvolver as súas actividades.

GRAN EVENTO ARTÍSTICO

Un dos puntos centrais da conversa estivo na proposta de Luís Rei de crear un evento artístico anual para dar visiblidade e presumir da calidade da Facultade de Belas Artes e desta forma promocionar o traballo da xente que nela se forma.

Rei entende que debería haber un evento artístico que sirva de polo de atracción para moita xente de fóra da cidade. A súa intención sería convertir a Pontevedra en referente cultural europeo como Avignon é para o mundo do teatro ou Arlés para a fotografía, grazas aos seus festivais. Marea Pontevedra quere que a cidade se implique coa universidade e aproveitar unha fábrica de licenciados de Belas Artes para que resulte beneficioso para toda a poboación xerando riqueza.