O Encontro Nacional do BNG chama a "encher Galiza de Pontevedras a partir do 24 de maio"

Pontevedra
25 de abril 2015

O Pazo da Cultura de cidade de Lérez quedou pequeno para acoller un acto que se celebrou por primeira vez fóra de Santiago e no que o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, proclamou as receitas nacionalistas "nas duras e nas maduras"

Encontro Nacional do BNG no Pazo da Cultura de Pontevedra PontevedraViva

O Pazo da Cultura quedou pequeno este sábado para acoller o Encontro Nacional do Bloque Nacionalista Galego-Asembleas Abertas, na primeira ocasión que este evento se desenrola lonxe de Santiago de Compostela.

Ante os candidatos nacionalistas aos municipios galegos, o voceiro nacional do BNG, Xavier Vence puxo como exemplo o modelo implantado na cidade de Lérez.

Vence recoñeceu no seu discurso que "queremos encher Galiza de Pontevedras a partir do 24 de maio", como aval co que o seu partido se presenta á cita coas urnas.

Polo escenario pasaron os candidatos das grandes cidades e doutros municipio galegos. Tamén o fixo o rexedor de Pontevedra, un Miguel Anxo Fernández Lores que apoia a receita do nacionalismo "ás duras e ás maduras".

Lores, para dar ánimos aos seus compañeiros de partido, finalizou a súa intervención recordando que "se fomos quen de triunfar nunha praza tan difícil como Pontevedra podemos facelo en calquera concello da nación".

O acto, coincidindo co 25 de abril, rendeu homenaxe á Revolución dos Caraveis portuguesa entregando unha flor a cada asistente e cantando a coro o "Grandola, Vila Morena".