O PP asinará o convenio co Sergas para o hospital de Monte Carrasco se chega á Alcaldía

Pontevedra
10 de marzo 2015

Así llo trasladou o candidato popular, Jacobo Moreira, a Luis Campos Villarino e Isidro Lago, presidente e vicepresidente respectivamente do Colexio de Médicos, cos que se reuniu na tarde do luns

Xuntanza entre Jacobo Moreira e directivos do Colexio de Médicos Partido Popular de Pontevedra

A Xunta segue sen dar pasos firmes na construción do novo hospital de Monte Carrasco. Aseguran que o Concello de Pontevedra debe dotar aos terreos dos servizos necesarios para que se poida comezar a construír e o goberno municipal negouse en rotundo a asumir ese gasto, que César Mosquera chegou a cifrar nuns 60 millóns de euros.

Todo pode cambiar se o Partido Popular chega á Alcaldía despois das eleccións municipais do próximo mes de maio. O seu candidato, Jacobo Moreira, anunciou que se compromete a asinar o convenio co Sergas e asumir a dotación destes servizos necesarios en Monte Carrasco.

Así llo trasladou a Luis Campos Villarino e Isidro Lago, presidente e vicepresidente respectivamente do Colexio de Médicos, cos que se reuniu na tarde do luns.

"As instalacións hospitalarias públicas coas que conta Pontevedra están obsoletas, é necesario impulsar a creación dun novo hospital. Para iso compre que o Concello facilite os servizos básicos necesarios como son a luz, a auga ou o saneamento", sinalou Jacobo Moreira, "Pontevedra non pode quedarse atrás en materia sanitaria", engadiu, xa que entende que a cidade ten unha "necesidade urxente" neste ámbito social.